O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o edil de Obras e Servizos, Lino Mouriño, mantiveron un encontro cunha representación dos veciños da rúa Vilar Ponte (a que une Os Duráns con Marxión) para expoñerlles o proxecto de ampliación e mellora da rede de saneamento que aprobou este luns a Xunta de Goberno Local. A actuación proxectada ten como obxectivo poñer fin aos desbordamentos que se producen en episodios de chuvias intensas debido a que as augas pluviais colapsan a canalización de residuais, facéndoas aflorar na superficie.
Tras o estudo topográfico que foi necesario realizar previamente, deseñouse o proxecto que solucionará este problema instalando novas redes independentes para o saneamento e a recollida de pluviais. Ademais, estableceuse o trazado para que as canalizacións discorran integramente por terreos municipais.
Segundo se recolle no documento elaborado polo Enxeñeiro Municipal, que tamén acudiu ao encontro celebrado a pé da rúa Vilar Ponte, as novas redes separativas partirán dos seus respectivos pozos de rexistro situados no extremo da rúa que dá á urbanización Invisa, en Marxión. No caso da de saneamento, no existente actualmente, e no da de pluviais, nun de nova construción. As canalizacións terán o diámetro suficiente para acoller sen problema os respectivos caudais e, en ámbolos dous casos, conectarán cos correspondentes pozos de rexistro existentes na rúa Curros Enríquez, xa no barrio dos Duráns.
Debido ao perfil topográfico, as tubaxes descorrerán a escasa profundidade nalgúns tramos da rúa. Por iso, para protexelas, está previsto reforzalas con formigón en masa, de xeito que sexan menos vulnerables ao peso do tráfico rodado. Ademais, a reposición final do pavimentado realizarase seguindo as instrucións do departamento de Carreteras para as vías de categoría de tráfico pesado, polo que será moito máis resistente en todo o traxecto.
Malia que o obxectivo principal e urxente deste proxecto é mellorar a rede de saneamento, que era o que demandaba a veciñanza, o goberno local quixo ser previsor e no mesmo proxecto prevense tamén outras melloras. A primeira é a incorporación duns terreos municipais situados na desembocadura de Vilar Ponte coa zona de Invisa. E a segunda, o ensanche dr toda a rúa Vilar Ponte en base á aliñación que marca o PXOM.
Para facer posible esta última medida, o goberno local negociará previamente a cesión dos terreos por parte dos propietarios afectados, xestións que comezarán de inmediato, pero que aínda poden demorarse algún tempo ao haber unha ducia de veciños afectados. Será cando se dispoña de todos os permisos cando se execute o ensanche, o que, con toda probabilidade, requirirá implementar o orzamento para financiar o retranqueo dos peches das fincas. Isto non será obstáculo para a mellora do saneamento, que se executará tan pronto se aproben os presupostos e se licite a obra.
En calquera caso, o executivo socialista espera contar coa máxima colaboración veciñal para que, como se fixo noutras zonas do municipio, a ampliación do saneamento se poida aproveitar para realizar unha mellora máis ampla da que todos os residentes en Vilar Ponte serán os principais beneficiarios.