Que o galego é unha lingua moi minoritaria no uso diario dos estudantes do IES Castro Alobre é algo que sabe ben o profesorado do centro. Daí que calquera data sinalada sexa un bo momento para promover actividades que conviden a falalo, a escribilo e a usalo en todas as súas vertentes. O día de Rosalía de Castro -que se conmemorou onte- foi unha desas ocasións. Dende o equipo de Normalización Lingüística do instituto organizaron un concurso de deseño entre o alumnado sobre a figura da autora de “Follas Novas” e “Cantares Gallegos”. O resultado foi toda unha explosión de creatividade e unha actividade “que gustou moito entre os rapaces”, explica dende o centro a profesora Ángela García. Os deseños elixidos foron os de Vera Pesado Ventoso (de 1º da ESO) e o de Carlota Magán (de 3º da ESO) que onte repartían con orgullo o resultado entre os seus compañeiros de centro. “Tivo moi boa acollida”, explica Ángela. Hoxe recibirán a visita de Dani Barreiro e Borja García con “Rosalía en 4 poemas e 4 cancións” e moi pronto se poñerán a traballar nas actividades vencelladas ao 17 de maio, Día das Letras Galegas. “Coincidirá con outra actividade que facemos que é a de Letras no Alobre”, sinala o equipo de Normalización. Conscientes de que a lingua galega “apenas se escoita no centro entre o alumnado e, cando se fai, sorprende” activaron unha actividade que está tendo moi boa acollida e que se fai cada dúas semanas. Chámase “Martes quedamos? Martes falamos” e Ángela García explica que son “unhas quedadas que se fan durante o recreo, que serven como faladoiro para animar aos alumnos a falar en galego entre eles”. Para dinamizar as sesións “contamos con actividades, con xogos de mesa que vemos que teñen boa acollida entre eles e que nos sirven como un excelente material de apoio”.
Dende o equipo de Normalización Lingüística explican que “se ve que os rapaces teñen un galego de base, que o falan ou o escoitan na casa, pero logo entre eles ou no propio centro todos optan polo castelán”. Unha situación que se extende á maioría dos centros educativos de Vilagarcía e á cidade en xeral.
Estas actividades súmanse a moitas outras que o centro educativo leva facendo nos últimos anos e non só relacionadas coa figura de Rosalía de Castro -que tamén- senón coa promoción da lingua galega tanto no propio instituto como de portas para fóra. É o caso de campañas que se realizaron no seu día co Concello de Vilagarcía e que se puideron ver na hostelería local co reparto de pousavasos ou salvamanteis con lemas para incentivar o uso do galego e que tiveron moi boa acollida entre a clientela e os titulares dos establecementos.