Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto e Anne Marie Morris. Elas son as poetas que enchen as páxinas do primeiro volume da Colección Salnés reeditado pola Editorial Galaxia. Ningunha delas foi veciña desta comarca, pero todas deixaron unha pegada profunda na literatura galega. Daí que sexan escollidas pola editorial como claves na celebración do seu 75 aniversario. O nome de Colección Salnés vén dado porque, aló polo ano 1961 cando foi creada por primeira vez, se pensou no cambadés –e tamén saliniense– Ramón Cabanillas como “o poeta máis representativo e amplo da Galicia contemporánea”.
Este primeiro volume da nova colección conta co prólogo de Patricia Arias. “María del Carmen Kruckenberg foi a primeira muller en publicar en Galaxia, alá polo ano 1962. Cabe recordar que dende 1880 con Rosalía de Castro e ata 1952 con Luz Pozo Garza ninguén lle publicou a ningunha autora”, explicó Arias. Ela sinalou que “cando o facían recibían comentarios que hoxe en día sería totalmente desautorizados, algúns saídos da boca do propio Camilo José Cela”.
Un dos volumes desta serie terá ao meco Javier Olleros de protagonista nunha “conversa” con Cunqueiro
Patricia Arias foi a encargada da escolma de poemas e sinala, entre algunhas cuestións a destacar, que os poemas asinados por Kruckenberg son “de amor dunha muller a outra muller. Daí que convido a que se lea o libro nesa clave”.
O director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, lembrou que os inicios da editorial estiveron vencellados á publicación de ensaios dado que “se entendía que era o camiño para demostrar que a lingua galega valía para a alta cultura en contra do que se transmitía por parte do Réxime, que a vencellaba só ao folclore”.
Esta primeira publicación é só un exemplo do que está por vir, dado que Galaxia ten preparada unha gran programación e tamén obras que –nalgún caso– teñen unha relación directa coa comarca do Salnés. É o caso, por exemplo dun traballo que reunirá ao cociñeiro grovense Javier Olleros en “conversas” con Álvaro Cunqueiro. A Colección Salnés contará cun total de 10 volumes.
A edila de Cultura, Sonia Outón, Sonia Outón, estivo na presentación da obra no Gato Negro e resaltou o papel fundamental de Editorial Galaxia ao longo da historia, apuntando que “marcou a estrutura literaria de Galicia, sendo un dos proxectos culturais máis importantes da actualidade”.