O BNG presentou en Vilagarcía aos candidatos do Salnés de cara ás eleccións "máis reñidas en moito tempo", en palabras do coordinador comarcal Manuel Domínguez, que acompañaron ao número un por Pontevedra, Luis Bará. Os nacionalistas apostan por unha "campaña épica" para poñer fin a "unha Gaicia low cost", facendo de Ana Pontón a primeira presidenta da Xunta.
A cambadesa Montse Prado, que repite como número dous na candidatura, critica os resultados do goberno de 13 anos do Partido Popular para a comarca do Salnés que convertiron, dixo, "un deserto industrial" con peche de industrias en localidades como O Grove, Vilagarcía ou Cambados, entre outras. Tamén incidiu en que os servizos públicos están "moito peor" e que no comercio, parte moi importante do tecido económico, perdéronse 1.500 postos de traballo.
Prado tamén destacou que o goberno do PP non aposta polo sector do mar, que dxera entre o dez e o vinte por cento do PIB e que "tiña que ser o pulmón", mentras "esmorece" cunha situación "dramática" do marisqueo e a pesca de baixura. "Nin sequera coidan a cría do mexillón, "enfrentando a un sector con outro".
A nacionalista, que anunciou que estarán na manifestación do domingo en apoio "ao grito de alarma" do mar, avanzou algunhas propostas, como unha residencia pública en Cambados, no Pazo de Monte Sacro; o cuarto xulgado de Vilagarcía ou o compromiso firme cos centros de saúde pendentes.
Pola súa banda, Luis Bará sinalou que Galicia se atopa "nun final de ciclo" dun "desgoberno" que da idea de "cansancio e incompetencia", como mostrou, dixo o candidato por Pontevedra do BNG, a crise dos pellets. Bará ve a Alfonso Rueda como un "presidente suplente, gris e insulso". Bará móstrase convencido de que o Bloque subirá dous deputados en Pontevedra, pasando de seis a oito, e de que o 60 por cento dos galegos queren cambio pero, para que se produza, dixo, teñen que darse dúas circunstancias.
A primeira, que a xente acuda a votar, frente ao abstencionismo da última cita. A segunda que "se concentr o voto dos que queren cambio no BNG e non se perda en alternativas que non van ter representación". Na comparecencia estiveron tamén os candidatos do Salnés, como Javier Rodríguez (Vilagarcía) que irá de dez ou Fran Leiro (Sanxenxo), cuarto suplente.