Carla Rivas ten dezaoito anos, pero pese a súa xuventude xa forma parte da historia do cine. A película “O corno”, onde é unha das protagonistas, acaba de facerse coa Concha de Ouro do Festival de San Sebastián.
É o primeiro filme en galego en lograr este galardón. Para a moza, veciña de Carril, é a súa primeira incursión na sétima arte. Pero ela xa ten moi claro que non será a última...
Esperaban este premio? Como o acolleu?
Eu xa lles dixen que era moi boa a película e que íamos a gañar. Decíanme que era moi complicado pero eu lles decía: “Facédeme caso, que veredes como si. Hai que confiar”. Estaba onte (polo sábado) nun cumpreanos e quedamos todos como calados e lles dixen: “Gañamos a Concha de Ouro”, e era como que non o críamos. Eu ata me quedei como en shock e non podía nin falar. Foi moi emocionante, a verdade.
É a súa primeira vez no mundo da interpretación, non? Foi un pouco como chegar e encher...
Si, é a primeira vez e por todo o alto. Foi todo incrible.
Como se lle ocorreu presentarse ao casting? Gustáballe xa ese mundo ou foi por casualidade?
Sempre me gustou o mundo da interpretación pero non había moitas oportunidades. Nunca me apuntara a un casting, pero un amigo meu que estaba nunha academia de baile lle pasaron o casting e eu escoitei como falaba diso e díxenlle que mo pasara tamén, para probar. A ver, o non xa o tiña. Ao final pois saiume ben. Estou moi emocionada por iso.
A experiencia da rodaxe foi como esperaba? Como se sentiu, rodeada de profesionais?
A verdade é que tampouco estaba moi nerviosa porque estivemos todo o verán ensaiando, así que como que xa coñecía á xente. Non era como tan novo o ambiente. Ademais ao ser en casa... Gravamos na praia a onde vou eu cos meus amigos. Era como a miña casa, un sitio seguro. Obviamente, a experiencia tampouco era tan diferente pero obviamente é moito máis lento do que pensaba, hai que facer moitas máis tomas das que pensaba... aínda que saia ben hai que facelo desde outros ángulos, é duro, hai que estar moitas horas, pasando frío... pero ben.
Que é o que a ti te facía ver que era boa a película?
Xa ao rodar vendo como se traballaba vía que había calidade. Pero non vin a peli ata San Sebastián e entón impactoume moitísimo. As escenas que non vira parecéronme de moita calidade e sentimento e que representaban moi ben a mensaxe que se quería dar coa película. Co pouco diálogo que hai e o moito que transmite a película deume a sensación de que gañar era moi posible.
Para preparar a túa personaxe inspirácheste en alguén ou seguiches outro método?
A miña personaxe é unha adolescente de 15 anos que está nunha situación complicada pola que terán pasado moitas persoas. Ela non quere preocupar á súa contorna, é un pouco reservada. Péchase en si mesma. A ves afrontar ese proceso de ter que pedir axuda, de ter que enfrontarse ao problema. Para preparalo máis que inspirarme en alguén intentei empatizar. Como xa pasei por esa idade, pensei nas sensacións que eu podería ter a esa idade.
Como se vive desde dentro o festival de San Sebastián e sendo ademais a primeira vez?
A experiencia gustoume un montón pero era como que vas un pouco en piloto automático. Tes que ir tan rápido... tes que ir a maquillaxe, logo photocall, logo alfombra, logo cambiarte outra vez... Así que eu ía correndo, sen pensalo moito, e ata que cheguei á casa non o procesei. Pero a experiencia é única, era un ambiente máxico. A película tivo unha acollida na sala excepcional. É algo diferente. Hai que vivilo para entendelo.
Tes intención de seguir no mundo da interpretación?
Si, ao cen por cen. Unha vez que o probas, xa non podes deixalo. Eu sempre quixen ser actriz, así que por aí seguiremos.