As festas de San Roque en Castroagudín tiveron onte un dos seus momentos máis esperados. Cubos, pistolas de auga e divertidas camisetas foron as armas que empregaron os veciños desta parroquia, que para a súa particular Festa da Auga contan cunha aliada moi importante: A fonte.
Ás dúas da tarde, como manda a tradición, familias enteiras déronse cita na praza de Castroagudín, onde empezou unha batalla que os lugareños defenden que é máis antiga que a multitudinaria que se leva a cabo no centro, o 16 de agosto. Non só de auga viven as festas de Castroagudín, cun espazo moi importante para a música. A verbena desta noite correrá a cargo de La Ola ADN e La Banda de Ayer.