O certame de poesía en lingua galega Xaquina Trillo está dirixido nesta segunda edición ao alumnado de Bacharelato de toda Galicia. O concurso foi presentado polo presidente da Mesa das Verbas, Xermán Torres, pola edila de Cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón, e polo xerente do Centro Comercial Arousa, Luis González de la Ballina.
A novidade deste ano é que –aparte de que se aposta por facer partícipe ao alumnado do bacharelato– os premios son maiores que na primeira edición. Así pois o primeiro clasificado recibirá 300 euros en metálico, un vale de compra de 100 euros, un diploma e un agasallo; o segundo premiado levará 200 euros en metálico, un vale de compra de 50 euros, un diploma e un agasallo, mentres que o terceiro clasificado levará 100 euros, un vale de compra de 25 euros e un diploma con agasallo. Os traballos poden presentarse dende xa e ata o día 30 de novembro ben a través de correo postal dirixido ao Centro Comercial Arousa ou depositalos directamente na urna que se habilitará nestas instalacións para tal fin. As bases do certame poden consultarse en www.mesadasverbas.blogspot.com O concurso ten como finalidade potenciar a creación poética e o uso da lingua galega.