Con moita arte pero tamén con contundencia. Así son as bolsas de tea con deseños dos alumnos do IES Castro Alobre que se repartirán polos comercios locais de Vilagarcía con mensaxes a favor da reciclaxe e das medidas respectuosas co medio ambiente, pero tamén concienciando sobre o uso do galego na vida cotiá.
É unha campaña do Equipo de Normalización Lingüística do centro, que coordina Ángela García, que explica que "intentamos achegar a nosa lingua cada vez un pouco máis". Para iso, todos os anos elaboran campañas de impacto, nas que a implicación do alumnado ten que ver moito tamén coa súa faceta imaxinativa e artística. "Mestúrase toda a cultura aquí", resumiu Sonia Outón, edil de Cultura, xa que o Concello colabora con esta iniciativa.
Precisamente a parte do debuxo foi o que entusiasmou a Lucas Antonio Gaona Morinigo, o de menor idade dos gañadores. Alumno de 2º da ESO, o seu deseño mostra elementos arquitectónicos de Vilagarcía collidos entre dúas mans, como as da rotonda. Luz Salgada, a igrexa parroquial, o Concello, a Praza de Abastos e, tamén, o centro comercial.
"Levaba moito tempo sen debuxar porque en 2º da ESO non temos plástica", explica Lucas Gaona. Tamén resultaron seleccionados, entre máis de cen propostas, Sara Agra Castro e María Blanco Cambeiro (3º ESO A), Hugo Rey Otero (4º ESO A), Xabier Costas García (4º ESO B), Antía Fernández Paulos (4º ESO C), Carlota Magán Cascallar (1º Bacharelato B) e Marta Varela Bermúdez (2º Bacharelato B).
As bolsas comezarán a repartirse mañán, co obxectivo de chega a cantos máis locais posibles.