Din que non se lle pode poñer portas ao campo, pero o Concello de Vilagarcía está decidido a poñer unhas escaleiras ao monte. O obxectivo, din desde Ravella, é poñer en valor Xiabre "como un dos principais atractivos" da oferta turística do municipio, para o que encargaron un proxecto á empresa Ecoplanin para acodincionar o tramo final do miradoiro da Cruz.
O investimento será de 52.000 euros, dos que o 90 por cento corresponden a fondos europeos do Next Generation, que se xestionan a través da Dirección Xeral de Turismo, que acaba de comunicar ao Concello a aprobación do proxecto. O resto, será aporte municipal.
As obras comezarán de inmediato e só precisarán unhas poucas semanas para velas concluídas. A actuación será nos últimos 320 metros no carreiro de acceso, con forte pendente e mal estado pola incidencia das escorrentas das aguas. Dende o Concello sinalan que se trata dunha das demandas principais dos usuarios e "tamén unha preocupación do goberno local, que resolveu con éxiuto as súas xestións para lograr a financiación dos fondos Next Generation", sinalan fontes municipais.
O obxectivo é evitar as dificultades que hoxe presenta o tramo final do acceso ao miradoiro e facer máis doada esta subida. para elo, a firma, especializada en xestión e información ambiental, tivo en conta o estipulado no "Manual de aspectos constructivos de Caminos Naturales del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación", do ano 2021. A solución pasa por habilitar un camiño de xabre compactado de 125 centímetros de ancho e 21 de alto, con bordos de madeira tratada ao autoclavo. A mellora inclúe, nalgúns puntos, a instalación de escalas de pasos largos, feitos integramente en madeira tratada.
Este investimento súmase ao que se fixo desde o Concello anteriormente, primeiro habilitando o miradoiro arredor da cruz e despois contratando a sinalización, desde Rosalía de Castro e, especialmente, desde a zona de descanso de Fontefría.
Ditas intervencións, sinalan desde o Concello, forman parte dun plan global para poñer en valor o litoral de Vilagarcía. O miradoiro é a última etapa das rutas mariñeiras, que comezan en Vilaxoán e percorren toda a costa de Vilagarcía e Carril.