Pode presumir de que vai encher o salón grande do Auditorio de Vilagarcía mañá mesmo. Algo que –en xeral– nunca acontece cunha peza teatral na capital arousá. Esther F. Carrodeguas é a autora do texto de “Iribarne”, unha comedia galega e en galego que chega a Vilagarcía da man do ciclo de Agadic. As entradas están todas esgotadas e aqueles que lograron conseguilas –asegura a dramaturga– van pasar 180 minutos “ao grande”.
“Iribarne” xa é un éxito de público antes de que se represente. Cal é a clave? Segue a chamar esta figura?
Si, parece que xa está todo o peixe vendido (risas). Eu creo que a clave é o propio referente da peza. É certo que o teatro non adoita estar tan cheo e con propostas galegas sen un gran nome detrás. Fraga era unha persoa moi moi coñecida. Ademais funcionou moi ben o boca a boca. Notamos que despois de facer unha función na seguinte aumenta o público.
A obra é moi longa. Imaxino que, xa pola propia personaxe, conlevou unha longa tarefa de investigación. Como foi ese proceso?
Pois foi moi longo, moi intenso e difícil. Hai un momento no que te das conta de que non podes abarcar nin ler todo o que hai sobre el e foi complicado atopar o punto exacto do que quería contar. No proceso sorprendéronme moitísimas cousas. Eu tiña un coñecemento de Fraga a nivel usuario. Nacín no 79 e sempre o recordo como presidente da Xunta. Pero detrás desa parte hai unha vida súa anterior con escenas moi coñecidas como cando se bañou en Palomares ou durante a Ditadura. Eses contrastes están moi presentes na peza teatral.
Entón imos atopar moitos Iribarne na representación.
A peza ten lecturas diferentes precisamente dependendo do público que estea na sala. Se eres estudante de Historia ou viviches eses momentos pois velo dunha forma ou reconfirmas cousas que xa sabías. Pode ser que vexas a Fraga doutra forma. A peza é divertidísima e fai pensar. Aparte no caso de Vilagarcía o público vai ter a sorte de poder vela xusto despois dunhas eleccións e igual con ela poderá entender un pouco os seus resultados.
E esa a parte máxica do teatro, non? Que pode xogar coas múltiples lecturas.
Sen dúbida. Unha das cousas bonitas do teatro é esa, que é directo. É xusto o presente. Pódese incluso cambiar o espectáculo porque a realidade cambia.
Non é habitual –alomenos no teatro galego– ver obras dedicadas a este tipo de personaxes. Non tivo certa vertixe á hora de embarcarse neste proxecto?
A vertixe sempre é propia da creación. Digamos que os artistas sempre estamos con esa sensación. Se arriscas moito chegas a máis sitios, pero tamén te colocas nunha situación máis complicada. Este é un proxecto cun risco tanto político como artístico moi elevado e si, claro que dá medo. Tamén che digo que este proxecto decidín facelo dende a máis absoluta inconsciencia de donde me estaba metendo.
Non é a primeira vez que fai equipo co director da obra, Xavier Castiñeira. Como é traballar con el?
Complexo porque é a miña parella (risas). Eu penso que é un dos mellores directores de teatro actuais. Consegue que as propostas escénicas sexan algo propio, que o texto encaixe perfectamente na escena por moi complexo que sexa. Ademais –e isto penso que é moi importante– dá liberdade ao equipo, permítelles aos actores que dean as súas propostas. Constrúe sempre a favor e iso é marabilloso.
“Iribarne” ten moitos actores sobre o escenario. Como se logra empastalos ben a todos para que saia unha obra redonda?
En serio, son un elencazo. Son intérpretes magníficos e fan cousas marabillosas no escenario. Teñen unha gran versatilidade, porque a obra tamén ten bailes complicadísimos. O que fixemos foi facer un grupo moi intenso dende o principio, aproveitando unha xornada de convivio en Ribadavia. Convertémonos no que nós chamamos un Centro de Alto Rendemento Actoral.