Fernando López | “Ver unha película na pantalla grande ten unha aura diferente. É un acto social”

Películas que non se proxectan nas salas de cine, en versión orixinal, con explicación ás veces dos propios directores e que “deben ser vistas polo público”. Iso e moito máis ofrece o Cine Clube Ádega, con 48 anos de historia ás súas costas dos que hoxe nos fala o seu presidente, Fernando López.  

 

O Cine Clube Ádega naceu en 1976. Como comezou?
Somos unha das asociacións máis antigas de Vilagarcía e un dos cine clubes máis antigos de Galicia. Incluso aquí se formou a Federación de Cine Clubes de Galicia, da que somos parte. O Cine Clube comezou no antigo Casino de Vilagarcía, onde xa tiñan un festival de fotografía e de videoaficionado, e de aí xurdiu xente afeccionada ó cinema que foi formando esta asociación cun montón de xente da cultura que agora son actores ou están noutras asociacións culturais.

 

Cal cre que é a clave do éxito, para levar 48 anos funcionando?
O cinema é algo que atrae á xente en xeral e aquí hai bastante afección. E as directivas sempre tentaron que chegase ó público xeral e que non fose algo só para “culturetas”. Quizáis ese é o éxito. E que mesturemos cinema máis da crítica con outro que chegue máis á xente. Ademais, nas proxeccións creo que tamén é atractivo que facemos unha presentación no inicio, explicamos, e iso fai que a película sexa máis atraínte. Tamén convidamos a directores a vir e explicar como fixeron a película.

Que tipo de cinema proxectan? Comercial ou máis independente?
Intentamos que sexa un pouco de todo, pero principalmente é o que se sae das salas comerciais. Como xa temos un cinema aquí que ten unha programación constante de películas máis mainstream ou incluso infantís, nós aproveitamos ese nicho de películas que eles non proxectan, que son moi interesantes e coas que se aprende moito, e cremos que deberían ser vistas polo público.  

 

Que perfil de socio hai no Cine Clube Ádega?
A maioría de socios son dun perfil máis ben adulto, cunha vida xa plantexada e con algo de tempo para culturizarse. Pero tamén ultimamente estamos cambiando os días das proxeccións e tentando chegar a xente máis nova, facendo actividades que teñan máis reclamo para eles. E cada vez vén xente máis nova e outra que está chegando a Vilagarcía e lle interesa socializar e compartir. Hai un pouco de todo.

 

E que actividades fan?
A nosa actividade principal é proxectar películas, entre dúas e catro ó mes, no Salón García. Pero temos que lidiar co Concello para que nos dean o seu apoio, que ás veces é bastante pero que se podería facer moito máis. Vemos que hai asociacións que levan un orzamento case exorbitado comparado co que nos dan a nós. Despois, durante o verán, facemos a Semana do Cine, que ten moitísimo éxito e é o que máis visibilidade ten cara a cidadanía, xa que moitas das actividades son gratuitas. Na Semana do Cine facemos proxeccións na rúa, na praia, cinema con música en directo ou incluso teatralizacións de filmes... Buscamos que sexa algo máis que ir ver unha película.

 

En que están traballando agora?
Este mes de maio, ó ser o das Letras Galegas, adicámolo a cinema galego. Comezamos o día 8 con Mimosas, un filme de Oliver Laxe, que levou premio en Cannes, e veu o seu produtor. O día das Letras Galegas fixemos Matria, de Álvaro Gago, e puidemos charlar cos seus protagonistas. E agora quédanos A viaxe de Leslie, de Marcos Nine, que é un director de aquí de Arousa e vaina vir presentar.

 

Como elixen as películas que van proxectar?
Gústanos ter feedback cos socios e intentamos consultar pola canle de Telegram que temos. Alí poden votar canto lles gustaron os filmes que fomos poñendo...Algunhas veces facemos propostas, como por exemplo se prefiren cinema italiano, ou ruso, ou latino... E de aí imos sacando. Pero principalmente somos a directiva os que decidimos a programación, pero escoitando ós socios.

 

Sempre proxectan as películas en versión orixinal, verdade?
Si. Nos cine clubes é a función tamén escoitar o idioma orixinal con subtítulos, porque coa dobraxe pérdese algo da interpretación, aínda que sexa boísima. O traballo dos actores tamén é a voz.

Integrantes del Cine Clube Ádega de Vilagarcía
Integrantes do Cine Clube Ádega de Vilagarcía

Falando máis xa do cinema en si, como ve a convivencia coas plataformas de streaming?
Penso que os cines seguirán, como sempre foi. Creo que poden convivir e que hai público para todos. Non é o mesmo ver unha película na casa, que ten unhas comodidades, que ver unha película en pantalla grande, cun son mellor e compartilo. Hai como unha aura e unha sensación diferente, saír todos xuntos e comentar... É un acto social.

 

Que pensa que lle aporta Ádega á sociedade vilagarciá?
Coñecemento, cultura cinematográfica, ocio, compartir momentos de desfrute entre os cidadáns... É unha asociación bastante querida.

 


Penso que é algo de todos, xa non só de Vilagarcía senón de toda a comarca. Debería medrar máis, ter máis visibilidade e apoios institucionais para que lle dean máis valor. Con máis recursos poderíase incluso facer unha Semana do Cine máis ambiciosa. 

Fernando López | “Ver unha película na pantalla grande ten unha aura diferente. É un acto social”

Te puede interesar