A Festa dos Maios está máis viva ca nunca en Vilagarcía, e así o mostra a gran cantidade de xente que ateigou a Praza da Peixería para apreciar non só as diferentes composicións elaboradas por asociacións e particulares, senón tamén para escoitar as coplas que os máis pequenos interpretaron encima do escenario. Letras tradicionais relacionadas co mes das flores, pero tamén con cuestións de actualidade. “Os nenos do noso cole, estreamos comedor, a comida vén de Boiro e sabe moito mellor”, afinaban os nenos do colexio Arealonga. Un exemplo de que son as ANPA da localidad as que insuflan aire fresco a unha celebración centenaria.
A choiva non permitiu este ano que as diferentes composicións – foron preto de medio cento– lucisen en todo o seu esplendor no parque Miguel Hernández. Fixérono –con menos espazo e menos luz– nunha Peixería ateigada ata os topes sobre todo pola mañá. Nenos e maiores non quixeron perderse as diferentes propostas entre as que había os maios cónicos tradicionais e tamén outros máis innovadores a modo de photocall ou dedicados a eventos como as Olimpíadas. Todos os participantes levaron unha rosca e unha pequena achega económica.