A cultura non para en Vilagarcía e boa mostra diso é que chega unha nova edición do Folk no Alobre, unha romaría popular que reivindica o propio e que –como en anos anteriores– centrará a súa programación no parque do Castriño. A cita está organizada pola asociación Pésdebarro e conta coa colaboración directa do Concello. A xornada arranca ás once da mañá na Praza de Ravella da man do polifacético Xurxo Souto, que será o encargado de capitanear unha visita guiada para culminar no “espectacular ritual das penas do Alobre”. Estará acompañado polo grupo tradicional Os Demos da Petaca e por un guía que irá comentando tamén aspectos históricos dos lugares a visitar. A participación é de balde e non é precisa a inscripción previa.
Xusto despois, á unha da tarde, comezará xa no Castriño a sesión vermú coa Tropa de Trapo. Haberá contos de nenas grandes e pequenas a cargo de Marta Ortiz e Brais das Hortas. A igualdade e o feminismo serán eixos sobre os que xirará esta proposta.
Sobre as dúas da tarde comezará o chamado “Xantar demorado”, no que cadaquén poderá levar a súa comida. O espazo contará con mesas e cadeiras que pon a organización e estará amenizado por grupos tradicionais. A partir das catro da tarde comezará o obradoiro “Bailar e cando os tempos”, da man de Carme Campo e Chus Caramés. Trátase dunha clase de introdución ao baile tradicional e que contará tamén cunha parte na que se revisarán os estereotipos de xénero no baile e na música tradicional.
Os concertos comezarán ás seis da tarde e estarán activos ata ben entrada a noite. Así pois os primeiros en actuar serán Nós de Sobradelo. O grupo formado en 1986 segue funcionando tamén como escola tradicional, e é unha referencia dentro e fóra da localidade de Vilagarcía.
Ás sete menos cuarto é a quenda de Bailai Malditos, unha fórmula conformada por gaita, tambor e bombo que interpretará un repertorio tradicional e de autoría propia.
Ás oito da tarde subirán ao escenario Os Carunchos, que fusionan temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas. Os últimos músicos da xornada son Os D´Abaixo (ás nove e media), cos que a liña tradicional se fusiona con aires novos de composicións propias.
O alcalde, Alberto Varela, a edila de Cultura, Sonia Outón e Dani Bóveda, de Pésdebarro, presentaron o programa.