As portas á imaxinación xa están completamente abertas en Vilagarcía, Cidade de Libro, que ata o próximo domingo será o escenario no que librarías e asociacións, como a Mesa das Verbas e o Faiado da Memoria, mostrarán o seu traballo. O mesmo farán escritores de todo tipo e procedencia, no que autores locais como Xurxo Alonso contarán tamén co seu propio espazo.
O multipremiado poeta vilagarcián estivo onte, nunha xornada que Cidade de Libro adicou aos versos. Esa asignatura pendente que o Concello quixo así aprobar e para a que contou tamén coa axuda da coñecida Yolanda Castaño.
Ademais, a poeta foi a encargada de traspasar á maxia da poesía ás xeracións que teñen a obriga de convertila en futuro. Fíxoo no recuncho dos contos, tras publicar a súa última obra “Tomar as rendas”, precisamente con esta mesma misión.
É un exemplo das actividades que se seguirán nos próximos días, nas que os nenos terán tamén un protagonismo especial, cos seus propios espazos. Como a xincana que onte se levou a cabo no Literatour e que contou coa participación entusiasta dos cativos. Este espazo estará funcionando o resto das xornadas pola mañán, de 10 a 13:30. Pero haberá, ademais, máis obradoiros que terán aos nenos como destinatarios.
Fomentar a creación literaria é outro dos obxectivos de Cidade de Libro, con obradoiros como o que onte se levou a cabo no Auditorio e que levou por título “Da palabra á voz”.
Ademais, na primeira xornada Vilagarcía contou coa presencia de Marwan, que tras moitos anos levando a poesía aos escenarios en forma de cancións, onte ofreceu un recital cantado no Auditorio. Non puido estar na firma de libros, xunto a Alonso e Castaño, por unha lesión na man.
Ao longo dos próximos días seguirán as firmas de libros, os encontros con autores e as actividades para nenos. No programa inclúense nomes como o premio nacional de Narrativa Javier Cercas. Tamén outros rostros coñecidos, aínda que non tanto pola súa faceta literaria, como a exalcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, que estará mañán xunto a Ramón Villares e Alberto Avendaño. O historiador e a política literata compartirán, precisamente, a conversa ao solpor do mércores.
A xornada adicada ao misterio e á novela negra terá un claro sabor galego, xa que os invitados serán o sanxenxino Manuel Jabois, Ledicia Costas e Diego Ameixeiras. Será o xoves, xusto antes dunha xornada adicada á literatura xuvenil, que terá como protagonistas a Blue Jeans, Elena Gallego e Eva Mejuto. Cercas pechará as conversas ao solpor xunto a dúas autoras galegas: A recoñecida e polifacética Emma Pedreira e Ángela Banzas, que coa súa primeira novela fíxose un importante oco no mundo da literatura.
A programación de Cidade de Libro inclúe tamén visitas a escenarios con moito que contar, como a Illa de Cortegada.