Josito Porto | “Houbo momentos de comer pasta, pero se pasan e punto. O que non hai é que crer que somos uns elexidos”

Josito Porto | “Houbo momentos de comer pasta, pero se pasan e punto. O que non hai é que crer que  somos uns elexidos”
Josito Porto no estudo de Pablo Vidal, en Bamio, no que graba un novo disco de Factoría de Subsistencia | gonzalo salgado

Josito Porto (16 maio de 1967) é moi importante, porque ten un perfil en Wikipedia, aínda que el di descoñecelo e no que, ademais, hai datos errados. Por exemplo, que gañou tres veces o María Casares, pero foron cinco, a última con “Smoke on the water”, unha obra na que se mezclan as súas dúas grandes paixóns e profesións: A música e o teatro. Fala con entusiasmo de ambas porque, se non, deixaría de ter sentido.

 

Como foi para esta experiencia de combinar música e interpretación?

É un espectáculo onde se mezclan perfectamente ambas facetas. De feito, levou o premio ao espazo sonoro, que antes era banda sonora. Cada un dos membros deste equipo ten unha relación coa música. De feito fixen unha “fichaxe” para Factoría de Subsistencia, Adrián Ríos, para que houbera un segundo cachondo no grupo (risas). Mon (Orencio) é brutal e sabe dirixir moi ben. Belén Constenla, que fai de Janis (Joplin), non canta, pero está perfectamente xustificado. E eu, teño unha guitarra.

 

E como foron os ensaios en plena pandemia?

A obra básase nun texto do 2012 co que Santi (Cortegoso) levara un premio de escrita teatral e decidiu facer un espectáculo cando saimos da pandemia. A sensación foi de acojone brutal, ver como ía caendo xente... E logo os personaxes... Ritchie (polo que el interpreta) é alguén que distinguimos á primeira. En Vilagarcía hai e sempre haberá Ritchies. Na obra hai unha primeira capa de comedia sórdida. Hai momentos delirantes, pero non é só cuestión dun tipo que está ao borde da intoxicación... Tamén se fala dos malos tratos, da eutanasia... O discurso de Ritchie, aínda a risco de botar pedras contra o meu tellado, ten parte de razón. Porque tamén fala de que os Beatles están sobrevalorados, de que Elvis era unha especie de papón e de que a música negra converteuse nun negocio para os blancos, mentras os negros andan vendendo discos de Shakira.

 

Parece un espectáculo difícil de levar ao público, pero foi todo un éxito...

Aí está a maxia do escritor. Ritchie é un personaxe que é como un pobre diaño, sempre colocadísimo... Pero hai un momento de certa empatía para o público e, despois, esa empatía convértese en odio e logo Richie volve a gañarse ao público... A obra foi un deses agasallos que un recibe. Tamén pola posibilidade de poder tocar en directo. Rematas a función como se levaras saíndo catro noites seguidas.

 

Vamos a deixar un pouco a Ritchie... E a falar de Josito. Cando comeza a súa carreira no teatro? En Vilagarcía con Clámide?

Aí hai outra confusión. Empezo co teatro e coa música ao mesmo tempo. Sempre parella.

 

Entón ata ten a súa propia lenda urbana....

Pois é verdade (rí). Houbo un momento no cole, que daquela se chamaba Francisco Franco e estaba ao carón do José Antonio, no que empezo a facer teatro. Ao mesmo tempo, entro na rondalla que tiña montada o marabilloso Carlos Puga. Sempre que o vexo xa lle digo que el ten a culpa de todo. Logo, en Clámide, no salón parroquial permitiume saber a que quería adicarme, cun coro electrificado. Eu pasábao xenial. Estaban César Martínez, Tatá, Manolo Romero... Tamén entrei no grupo de gaitas Froallo.Xa en Santiago fixen varias carreiras e, cando estaba matriculado en Empresariais, descubrín que en Filoloxía había un grupo teatral, “Captatio Benevolencia”. No ano 92, Cándido Pazó veu a ver unha das nosas obras e aí comezou a miña carreira profesional. Desde aí non parei de traballar, pásoo marabillosamente ben e sigo poñéndome nervioso, co cu apretado...

 

E como tomaron na casa a súa profesión?

Meu pai era construtor, dos legais. Un día estabamos comendo e díxenlle: “Por certo papá, a partir dagora vou adicarme ao mesmo ca ti. A facer obras”. E seguimos comendo. Eu creo que ao principio non era o que máis lles apetecía, tiñan medo de que non lograra manterme, pero nunca botei en falta o seu apoio. E sei que despois quedaron encantados.

 

E cumpríronse eses temores? Houbo momentos nos que foi difícil subsistir?

Ás veces estás metido ata o pescozo e non te enteras. Cando arrincou a crise, no 2006, para a xente do teatro era algo normal. Houbo momentos de comer pasta e o pasas e punto, tampouco lle das moitas voltas. O problema é crer que somos uns elixidos. Somos tan importantes como o que arregla unha cisterna, nin máis nin menos. 

Josito Porto | “Houbo momentos de comer pasta, pero se pasan e punto. O que non hai é que crer que somos uns elexidos”

Te puede interesar