Julio Torrado | “As nosas apostas van ser a sanidade, a vivenda pública e o emprego”

Julio Torrado | “As nosas apostas van ser a sanidade, a vivenda pública e o emprego”
Julio Torrado é o número 4 da candidatura por Pontevedra | Mónica Ferreirós

Xa ten experiencia nas lides parlamentarias e en cuestións que –na lexislatura que está a piques de rematar– marcaron a axenda política da Xunta de Galicia. O vilagarcián Julio Torrado repite en postos de saída, de 4 na candidatura do PSOE por Pontevedra, convencido que “Desta vai” e de que chegará o cambio domingo.

 

“Desta vai” é o lema elixido polo PSOE para esta campaña. É este o momento do cambio?
Vemos claramente que este goberno está esgotado e que esta é unha oportunidade moi importante para o cambio. No PSOE temos un proxecto moito máis consolidado que noutras ocasións ás que –por unhas cousas o u por outras– chegamos en situacións moito máis difíciles.

 

O PSOE afronta estas eleccións cun candidato novo que, ademais, estivo fóra do ollo público anos. Cre que iso xoga na súa contra?
Besteiro xa tería que ter sido candidato no 2016, pero o PP usou todas as ferramentas que tiña da súa man para evitalo. É certo que as eleccións foron convocadas con moita présa. A min paréceme curioso que un goberno con maioría absoluta adiante uns comicios para que a campaña sexa en Nadal e as votacións en Entroido. Non sei se iso é un síntoma de goberno xa débil. O que parece unha máxima innegable é que un candidato empeza a ser verdadeiramente coñecido cando se presenta a unhas eleccións. O grado de coñecemento de Besteiro é moi alto –dun 70 a un 75 %–. É unha persoa moi solvente e transmíteo. Eu sempre digo que, se nunhas eleccións, todos os candidatos puidesen falar ou tomar un café un por un con cada galego non faría falla nin facer campaña. A José Ramón votaríano ata os do actual goberno do PP.

 

Non ten a sensación de que nesta campaña se fala moito de España e pouco de Galicia?
O PP quere falar de España e iso para min ten dúas lecturas. A primeira é que tes que estar moi avergoñado do teu goberno autonómico para non querer falar do que fixeches en Galicia. A segunda é que tes que quererlle pouco a este país para non querer que nuns comicios galegos se fale de Galicia. Igual eu estou nunha burbulla, pero na rúa a min ninguén me fala da amnistía. Fálanme doutras cousas, dos problemas que hay nos colexios, nos centros de saúde, de solo industrial... Da amnistía falarase cando toquen as eleccións en Cataluña e será aí cando o PP non queira nin nomeala.

 

Estamos nunha comarca moi marcada pola importancia dos sectores produtivos. O mar protagonizou as principais mobilizacións neste mandato.
Tanto a sanidade como os problemas produtivos no mar están na polémica e tiveron a mesma resposta por parte do goberno da Xunta, a de negar a realidade. Eu creo que o feito de que hai un problema coa produción nas rías é algo indiscutible, pero claro, para o goberno galego os problemas entran por donde entran e saen por donde saen, como diría o conselleiro do Mar, que non sabemos se entende algo de mar porque non aportou nada ao debate público.

 

Cales son as propostas do PSOE para a comarca do Salnés?
No Salnés non estamos nunha burbulla fóra do mundo e , con algunhas concrecións, teñen que ver coas liñas xerais que temos pensadas para Galicia. Primeiro o que temos que defender é que se medre economicamente e se xere emprego. Cremos que a economía ten que impulsarse. Como? Pois o Polígono do Pousadoiro de Vilagarcía precisa dunha ampliación para poder atraer industria. Tamén é necesaria unha boa implantación do plan do Estado de fibra óptima nos núcleos rurais. Isto permite que moita xente –grazas ao teletraballo– poida estar máis próxima ao territorio. Para nós tamén é importante apostar por enerxías limpas e defender os nosos sectores propios. A maiores somos unha comarca moi potente a nivel turístico e precisamos non só a conexión coa Alta Velocidade, senón que o goberno da Xunta teña un transporte público e colectivo por estrada. Non pode ser que os estudantes do Grove non poidan coller un bus ata Vilagarcía para ir en tren á universidade. Tampouco que o bus dende Catoira a O Grove tarde máis que de Vilagarcía a Madrid. Os servizos públicos teñen que estar no centro.

 

E na sanidade? Fálase moito de novos centros de saúde. Pero vai haber médicos para atendelos?
Nós temos defendido un modelo sanitario que incorpore novas categorías cunha atención primaria máis resolutiva. O noso compromiso é sinxelo. Toda a persoa que solicite cita no seu médico de cabeceira vaina ter nun máximo de 48 horas. Cremos que hai que investir e apostar por iso.


Falaba vostede antes dos servizos públicos e de que nos xogamos moito o domingo.
Si, xogámonos moito. Por exemplo? Pois cuestións como a vivenda pública. En Vilagarcía hai mozos que queren independizarse e non poden. As últimas que se construíron foron co goberno socialista de Pérez Touriño. Nós temos unha proposta que é a de crear 2.500 vivendas públicas ao ano en Galicia. E aí vai haber unha defensa territorial pola miña parte para que O Salnés sexa protagonista. Por algunha razón que non chegamos a entender esta comarca foi moi mal tratada polo PP da Xunta.

 

Outro servizo que se evidenciou necesario na pandemia é o dos coidados das persoas maiores. Hai proposta para unha residencia pública na comarca do Salnés?
Sabes cantas prazas de titularidade e xestión pública crearon os gobernos de Feijóo e Rueda en 15 anos en Galicia? Cero. O tema que está pasando agora coa residencia en Cambados mostra que hai unha necesidade. Parece que o PP entende as residencias de maiores como un lugar para almacenalos. Necesitamos unha residencia pública e ben xestionada.

 

Nun escenario post electoral con vitoria para o PSOE. Que é o primeiro que lle pide a Besteiro?
Creo que temos un compromiso co reforzo do personal sanitario. É máis importante ter máis médicos ou que a xente nova teña emprego e opcións de vivenda? Non creo que haxa que priorizar. Eu vou ser a voz de todos. Fan falla os centros de saúde en Vilagarcía, en Meis e tamén no Grove.Iso si, teño claro que entre a comarca de Arousa e o PSdG, primeiro son de Arousa. Hai que defender o espazo territorial porque este ten o seu dereito. 

Julio Torrado | “As nosas apostas van ser a sanidade, a vivenda pública e o emprego”

Te puede interesar