Lorenzo Silva, Javier Sierra e Nativel Preciado estarán en Cidade de Libro

A cita literaria será do 11 ao 16 de xuño e tamén contará con Pedro Feijóo, Arantxa Portabales e Manuel Jabois
Lorenzo Silva, Javier Sierra e Nativel Preciado estarán en Cidade de Libro
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e os edís Álvaro Carou e Sonia Outón na presentación da semana literaria | MÓNICA FERREIRÓS

A literatura nacional estará presente en todo o seu esplendor na cuarta edición “Vilagarcía. Cidade de Libro”. Unha vez máis o Concello aposta por nomes recoñecidos da literatura española para atraer a centos de persoas a un evento literario que –dende que se puxo en marcha– conta cunha gran aceptación por parte dos amantes da literatura. A Cidade de Libro será –como vén sendo habitual– no mes de xuño, xusto despois do Festivala. Arrancará o martes 11 e rematará o domingo 16, tal e como o propio alcalde, Alberto Varela, deu a coñecer nunha presentación na que tamén estiveron os edís Sonia Outón e Álvaro Carou.
O rexedor socialista sinalou que a Vilagarcía achegaranse nesas datas nomes como os dos galardoados co Premio Planeta, Lorenzo Silva e Javier Sierra, así coma outros vencellados tamén ao xornalismo como os de Nativel Preciado. Ademais tamén haberá autores galegos e que escriben en galego como Arantxa Portabales ou Pedro Feijóo.


O mesmo formato

O evento literario contará coa mesma estrutura que anos anteriores. “Se algo funciona, non vemos necesidade de cambialo”, explicou Alberto Varela. Será na Praza da Segunda República e contará con casetas nas que estarán diferentes librerías e editoriais que ofrecerán clásicos e novidades con descontos. Tamén haberá momentos cos escritores que acudan ao certame para poder falar con eles e asinar exemplares dos seus libros. Cada día rematará coas denominadas “Conversas ao solpor”, moderadas polos xornalistas Susana Pedreira e Carlos Crespo. Todas serán ás oito e media da tarde.


A primeira será o martes 11, xornada dedicada á poesía. Estarán Lúa Mosquetera, artista multidisciplinar e coñecida polos seus poemarios; Afra Torrado, poeta de Bamio e distinguida cun premio Follas Novas e Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven ‘Miguel Hernández’.


O mércores 12 estará dedicado á novela negra e ao escenario principal subirán Rober Cagiao, autor da saga “El guardián de las flores”; Pedro Feijóo, un coñecido nas letras galegas con varias novelas ao lombo; a tamén escritora de literatura galega Arantxa Portabales, así como Lorenzo Silva e Noemí Trujillo. 


O xoves 13 levará como título da xornada “Emocións de papel” e contará coa presenza de Ramón Guinarte, con libros sobre Programación Neurolingüística e Hipnosis Clínica; o coñecido Ángel Martín regresa a Cidade de Libro  e os creadores do podcast “Arte compacto” e do libro “Pasiones creativas” Bernardo Pajares e Juanra Sanz. O venres 14 o día leva como título “Literactivistas” e estarán Anan Anan Abdalah, co seu libro sobre Palestina; Alfonso Armada, Antón Castromil e Manuel Jabois, que tamén repite nesta feira.


O sábado 15 as viaxes literarias serán da man de Ulises Bertolo, Manel Loureiro e Javier Sierra. O domingo é a última xornada dedicada á “Biblioteca das mulleres extraordinarias” e a charla ao solpor contará coa presenza de Ángela Banzas, Montse Fajardo e Nativel Preciado.


Varela sinalou que a Vilagarcía se achegarán esa semana máis de 25 autores mesturando figuras emerxentes e outras máis consagradas. “Este é un evento diferente aos demais porque permite unha maior proximidade cos autores”, incidiu o rexedor. 

Lorenzo Silva, Javier Sierra e Nativel Preciado estarán en Cidade de Libro

Te puede interesar