Un manuscrito cun poema dedicado a unha das fillas do seu primeiro editor, primeiras edicións da súa obra e ata un libro-xoia son algúns dos tesouros que se poden atopar na mostra sobre Luísa Villalta que se pode visitar na Biblioteca Municipal "Rosalía de Castro" ata o 31 de maio.
O alcalde, Alberto Varela, a edila de Cultura, Sonia Outón, e outros membros do goberno, aproveitaron para visitar a mostra xunto á filla de Francisco Pillado, descubridor do "inmenso talento de Villalta", como explica Ana Pillado.
Precisamente a exposición percorre a amizade que houbo entre ambos, que desencadenou nunha fecunda relación artística gracias á cal Pillado conseguiu que Isaac Díaz Pardo publicase o primeiro poemario da autora á que este ano se dedican as Letras Galegas. "Música reservada" deu pé a unha inmensa e polifacética traxectoria, pese á prematura morte da poeta, da que Ana Pillado destaca a súa gran implicación social. "Foi unha adiantada ao seu tempo", explica.
Que a súa figura chegue aos máis novos é o obxectivo desta mostra. "Temos a sorde de comezar a andadura da Biblioteca dispoñendo de manuscritos da persoa á que se lle dedican as Letras Galegas. É moi bonito", asegurou o alcalde, Alberto Varela. Ana Pillado, que tamén é mestra no IES de Carril e ilustradora do libro- xoia sobre Villalta que se pode ver na mostra, puxo a anécdota da xornada explicando que hoxe, precisamente, Francisco Pillado faría 83 anos.