O cineclub Ádega dedica o mes de maio ao cinema galego coa proxección de tres filmes moi diferentes pero que contan cunha característica en común: Están feitos en Galicia. En concreto, dous deles incluso están vinculados á comarca do Salnés.
O primeiro será o mércores 8. Trátase de "Mimosas" (2016), de Óliver Laxe, un "western relixioso" ambientado no atlas marroquí, que acadou o Premio da Semana da Crítica na edición do Festival de Cannes dese ano, ademais do Premio Especial do xurado no Festival de Sevilla.
Ademais da proxección, haberá unha charla coloquio co seu produtor, Felipe Laxe, irmán do director e guionista. Gracias á colaboración de Ádega coa Filmoteca de Galicia, o prezo para o público en xeral será reducido, de 2,5 euros, mentres que os socios entrarán gratis.
O xoves 16 será a quenda de "Matria" (2023), debut na longametraxe de Álvaro Gago e inspirada na súa cortametraxe homónima. As localizacións do filme son de sobra coñecidas nestes lares, xa que na súa maior parte foi rodado no Salnés e, en concreto, en Vilanova, A Illa e Vilagarcía. Tamén é doado sentirse identificado coa súa trama, protagonizada pola loita dunha gran muller contra a precariedade laboral. A entrada a este filme será gratuíta para todo o mundo ata completar aforo, xa que se trata dunha proxección financiada polo Concello.
Rematará o ciclo con "A viaxe de Leslie", do isleño Marcos Nine, gañador en sete ocasións do Mestre Mateo. Neste filme, reconstrúe, valéndose de material de arquivo, as estrañas circunstancias que rodearon a morte, na costa de Cedeira, da estrela clásica de Hollywood Leslie Howard. Faleceu nun accidente de aviación o 1 de xuño de 1943, á altura de Cedeira. O nazis abatiron un avión comercial que cubría a liña Lisboa- Bristol, un acto que se cre que respondía a unha axenda oculta do actor como axente do servizo secreto británico e que, polo tanto, Howard sería o verdadeiro obxectivo.
Nine estará durante a proxección da película e, posteriormente, nunha charla coloquia para resolver todas as dúbidas e preguntas que poidan xurdir. Este filme será de balde para os socios, terá un custe de 2,5 euros para os menores de 30 anos ou parados debidamente acreditados e de catro para o público en xeral.
O cineclube Ádega conta cun canal de telegram onde se pode consultar máis información sobre as proxeccións, lendo ou visionando contida extra, así como facer comentarios, preguntas ou votar os filmes.