Os mellores deseños gráficos do IES Castro Alobre, elaborados por alumnos do centro, vestirán o comercio local nunha campaña levada a cabo polo Servizo de Normalización Lingüística do instituto situado en San Roque.
É unha iniciativa que se leva a cabo cada ano, cos seus cambios, e na que Carlota Magán participa activamente. Nesta ocasión, foi a gañadora cun lema que a máis de un lle traerá recordos: “Merca, filliñ@, merca”. Para elexir o lema, explica a súa autora, “simplemente asociei conceptos: Tradición, calidade e achegamento. E ninguén mellor para representalos que as avoas. Por elo adaptei o come filliño, come”.
Unha frase coa que, por unha parte, pretende promover o galego, tamén na atención comercial, e, pola outra, colabora no impulso dos establecementos asociados a Zona Aberta, que é onde se poderán ver os carteis cos deseños seleccionados. O de Carlota foi o gañador, mentras que como finalistas quedaron Tiago Vence e Sabela Fernández. Impuxéronse a máis dunha vintena de participantes. Os lemas escollidos tamén ilustrarán libretas. Para editar este material, o centro conta coa colaboración do Concello. O edil de Educación, Miro Serén, augurou aos rapaces futuro no deseño e tamén felicitou a Clara Senín, alumna do IES Alobre que tivo unha das mellores notas de Galicia na EBAU.