Montse Prado | “O noso compromiso é comprar o Pazo de Montesacro e que sexa residencia”

Montse Prado | “O noso compromiso é comprar o Pazo de Montesacro  e que sexa residencia”
A cambadesa Montse Prado ocupa o posto número 2 na candidatura do Bloque por Pontevedra | gonzalo salgado

É unha veterana –non por idade, pero si por traxectoria– no Parlamento galego e o Bloque volve agora a confiar nela para a candidatura liderada por Ana Pontón. A cambadesa Montse Prado cre que o domingo haberá cambio e que este virá acompañado de propostas e accións que mudarán a vida dos veciños do Salnés.

 

 

O BNG leva toda a campaña dicindo que agora “é o momento”. Veno claro?


Percibímolo dende hai tempo e agora que se aproximan as eleccións moito máis. Hai unha maioría social que está cansa de 15 anos de goberno do PP. Todos os indicadores están moito peor que no 2009: emprego, poboación ocupada, servizos públicos...

 

 

Un BNG cunha candidata xa asentada fronte a un PP, digamos, cun nome novo liderando, como é o de Alfonso Rueda...


Non se pode dicir que Rueda sexa novo, pois leva na Xunta 15 anos en postos relevantes. O problema non está en quen se presenta, senón nas políticas que levan a cabo e agravadas polo feito de que –de forma clara– Rueda está centrado en estar ao servizo das ordes que chegan de Madrid. Desenténdese continuamente dos problemas de Galicia.

 

 

É unha campaña na que se fala moito de amnistía, de Puigdemont, de Bildu...


Iso é o PP. No BNG temos claro que o obxectivo desta campaña é que se fale dos problemas de Galicia, dos que temos na comarca do Salnés. É evidente que hai unha estratexia para desviar o foco a cuestións que pouco ou nada teñen que ver con nós. Céntranse en que “España se rompe” cando o problema que teñen os galegos é que non chegan a fin de mes, que non teñen emprego ou unha sanidade de calidade. No BNG o noso obxectivo é falar dos problemas e presentar alternativas a eles e vemos que moita xente é o que demanda.

 

 

Cales son as propostas do BNG para a comarca do Salnés?


O Salnés é unha comarca cun potencial enorme. Temos unha das rías máis produtivas do mundo, un sector turístico con moita potencialidade, a horta... e vemos como ese potencial non se está a converter en actividade económica ou xeración de emprego, senón todo o contrario. Fronte a iso a aposta do BNG é moi clara. Apostar polo saneamiento da ría, recuperar as zonas de produción e buscar e obter información do que está pasando. O que non pode ser é que, por exemplo, unha especie coma o berberecho que desapareceu practicamente no 2012 esteamos en 2024 e non saibamos o que pasou. Temos que loitar tamén contra outras ameazas como pode ser o baleirado incontrolado dos encoros ou as ameazas continuas da Mina de Touro.

 

 

Falaba tamén da potencialidade da horta e do viño.


Si, pensamos que hai que apoiar  ás cooperativas, mobilizar as terras que precisan tanto no viño como no que é a horta.

 

“A xestión que se fai da sanidade é unha cuestión ideolóxica, non de recursos. Non é casualidade que esté nesta situación”

 

O BNG fala moito de que os servizos públicos están deteriorados.


Estes 15 anos de goberno do PP foron o seu deterioro máximo. Non hai máis que ver o que pasou coa sanidade. Especialmente no Salnés detectáronse deficiencias graves. Temos un hospital que, cada vez, ten unha atención máis deficiente. E despois temos unha atención primaria que non atende no tempo que ten que facelo. O goberno só fai culpar ao goberno do Estado que si, ten responsabilidades, pero é igual de certo que as prazas que se ofertaron dende Galicia para medicina comunitaria quedaron desertas. Os profesionais buscan un trato e condicións dignas.

 

 

Fai mención á sanidade que, sen dúbida, foi a cuestión que estivo máis na axenda política estes últimos catro anos. Fíxoselles caso ás protestas neste ámbito?


A xestión que se fai da sanidade é unha cuestión ideolóxica, non de recursos. Non é casualidade que a sanidade estea na situación na que está. Se non incrementas o orzamento, como vas a mellorar o servizo? Ademais hai unha clara falta de planificación. Levo presentando iniciativas parlamentarias todos estes anos con informes do Sergas advertindo de que ía haber problemas. Que fixo a Xunta? Non actuar. Creo que todos temos claro que se funciona ben a pública ninguén ten que ir á privada. É unha eiva de antes da pandemia e que, con esta, se evidenciou aínda máis. Ao igual que os coidados a maiores.


Haberá residencia pública no Salnés este mandato?


En 15 anos o PP non creou nin unha sola praza pública de residencia para os nosos maiores. O que si fixo foi facilitarlles ás empresas privadas que fagan negocio a costa da necesidade de atención aos maiores. Unha das propostas do BNG é dotar ao Salnés dunha residencia. Agora hai unha oportunidade porque hai unha nova residencia en Cambados que está á venda e o noso compromiso é mercar o Pazo de Montesacro, o asilo, para que siga prestando actividade residencial e tamén polo seu altísimo valor patrimonial. E non só iso, tamén podemos falar de que concellos coma O Grove, Vilanova ou A Illa non teñen centros de día. Temos un 25 % da poboación con máis de 65 anos e pensamos que é un número importante como para contar con este tipo de servizos.

 

 

O PP fai moito fincapé no feito de que, fronte a eles, hai unha esquerda dividida en varios partidos. Cre que iso vai ser perxudicial para vostedes?


Non é así. Pola dereita tamén hai outras organizacións, pero parece que esas para o PP non computan, como son Democracia Ourensana ou Vox. Chegar a acordos e debater non é nada malo. Está demostrado que son moito peores as maiorías absolutas que non aportan nada e que deixan unha Galicia en pequeniño, irrelevante no conxunto do Estado. O PP chámalle estabilidade ao que realmente é parálise. En 15 anos o goberno da Xunta non pediu nin unha soa competencia para Galicia. As competencias fan que poidas ter ferramentas para tomar decisiónes en función dos teus intereses. Hai varias opcións, pero a alternativa pasa por aglutinar o voto no BNG e garantizarse que o PP perda o goberno.

 

 

Xoguemos coa idea de que o PP perde a maioría absoluta o domingo. Que primeiras propostas lle poñería sobre a mesa a Ana Pontón?


A primeira medida sería ese plan de choque para a atención primaria. Preocúpanos moito a desigualdade que os problemas na sanidade están xerando coa xente máis vulnerable. É un feito que as persoas que teñen menos capacidade económica, menos opcións para acceder ao mundo dixital, estanse a quedar atrás e dende o goberno da Xunta non podemos deixalos tirados. 

Montse Prado | “O noso compromiso é comprar o Pazo de Montesacro e que sexa residencia”

Te puede interesar