O festival Revenidas pecha hoxe outra edición de récord e faino –como marca a tradición– abrindo as súas portas de balde ao pobo de Vilaxoán. O parque de Dona Concha acollerá a gran sardiñada popular a modo de romaría e de lugar de convivencia tanto para os veciños do lugar como para os que chegaron de diferentes puntos para gozar do festival das linguas e da identidade. Será a partir da unha e media, pero xa previamente haberá actuacións nese mesmo escenario. Ás 12 tocarán os Terribles de Arousa e ás 13 horas será a quenda de Uxía Lambona e a Banda Molona, para delicia dos máis pequenos da casa. Durante a comida haberá música de animación da man de Mekanika Rolling Band e ás cinco e media comezará a Gala de Circo Solidaria con Peter Punk, Cris Collazo ou o Mago Noel entre outros. Xa á tardiña –ás 19:45 e 21 horas respectivamente– actuarán Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures.
Revenidas continúa así coa tradición de combinar as actividades de pago e as de balde, como un regalo ao pobo de Vilaxoán que acolle o festival dende hai máis de dúas décadas.
O certo é que o festival vilaxoanés deixou o listón moi alto o sábado, con máis de 15 horas de música sen parar xa dende o mediodía. Foi o ska combativo dos italianos de Talco os que lograron un dos “pogo” máis multitudinario que se recorda no Revenidas e que espertaron a enerxía daqueles que aínda estaban medio durmidos. The Rapants puxeron o toque máis “molón” e As Tanxugueiras emocionaron –e emocionáronse– a un público entregadísimo e que ateigou o recinto de concertos. El Kanka gustou –e moito– a aqueles que viñeron a velo a propósito e os Dubioza Kolektiv demostraron que Revenidas é o seu territorio de “confort”. Imaxes e actuacións que son xa parte dun festival que medra cada ano que pasa.