Revenidas activa a súa conta atrás cos abonos case esgotados

O director do festival, Xoán Quintáns, sinalou que o orzamento supera este ano os 900.000 euros
Revenidas activa a súa conta atrás cos abonos case esgotados
O festival Revenidas presentouse no centro social do Preguntoiro, en Vilaxoán | GONZALO SALGADO

Os motores de Revenidas –o festival das linguas e da identidade e a última parada dos Rías Baixas Fest– xa están en marcha. A cita festivaleira encherá Vilaxoán –e por extensión tamén Vilagarcía– da mellor música cun ambiente “único e inimitable”, segundo as palabras do seu director, Xoán Quintáns.


Foi el o encargado de iniciar a presentación dun festival que vai xa pola súa 21 edición e ao que non parou nin a pandemia do 2020. Quintáns destacou que “isto é algo moi grande nunha vila pequena” e incidiu en que a inflación tamén está chegando ao mundo dos festivais. “Este ano falamos dunha cifra que supera os 900.000 euros, que son cantidades coas que nós non nos sentimos cómodos. É unha tolemia”, declarou.

 

Unha situación que xa se ven arrastrando de anos atrás cos cachés dos artistas disparados (algo común a todas as citas festivaleiras). “Estar aquí cada vez é máis complicado”, recoñeceu ao mesmo tempo que agradeceu a implicación dos patrocinadores públicos e privados e do propio pobo de Vilaxoán “que sofren as molestias os días que dura isto e que tamén nos axudan”.


É por iso que o Revenidas –ademais dos concertos de pago no recinto portuario e de Dona Concha– realiza as actividades paralelas gratuítas para todos os públicos. O eixo central das mesmas é a gran sardiñada popular o domingo 15 no parque de Dona Concha e que contará con música en directo, espectáculo circense e toda unha programación dinámica para intentar “dinamizar unha vila que era moi activa nos 80 e 90 e que pouco a pouco foi esmorecendo”, lembrou Quintáns.


Ademais dos concertos tamén hai outros atractivos como o roteiro guiado pola vía da man de Xurxo Souto (o mércores 11 ás 19:30 horas) ou –por primeira vez– unha concentración de embarcacións por mar o xoves e o venres. “Xa medramos moito por terra e agora quédanos medrar por mar”, indicou o vilaxoanés.
Destacou dos concertos de pago tanto os que se realizan a bordo do Chasula (todo un éxito en entradas) como os do propio recinto. “Hai unha mestura de grupos consolidados e tamén emerxentes”, apuntou. Por primeira vez subirán ao escenario de Vilaxoán El Kanka ou Muchachito Bombo Infierno e outros clásicos repiten nun festival no que se senten como na casa como Dubioza Kolektiv, Miss Bolivia ou os italianos Talco.


A diputada provincial, Nava Castro, destacou do festival que está “máis que consolidado” e comprometeu o apoio. “Imos seguir tendendo pontes”. O mesmo que o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que sinalou que o festival é un foco de atracción de turistas “no mes de setembro”. Manifestou que “son experiencias a maiores que lles ofrecemos aos que nos visitan”.

 


Pola súa banda o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a cidade como “a cidade da música” tanto por Revenidas como por outras citas festivaleiras que se celebran noutros momentos do ano. “Os datos están aí e cando máis xente nos visita en setembro é cando se celebra Revenidas. Iso déixanos un retorno económico importante”. Facendo alusión ao tema da inflación ao que se referiu Quintáns o rexedor socialista asegurou que “Revenidas resistiu unha pandemia e tamén vai resistir esa inflación”.


Boa venta nas entradas

O certo é que Revenidas vai camiño de bater un novo record de asistencia, dado que dende a organización sinalan que os abonos que dan acceso aos catro días de festival están a piques de esgotarse. A entrada por día vai máis lenta, pero tamén a bo ritmo.


O festival arranca o mércores pola tarde con Xurxo Souto, pero os días grandes serán do xoves 12 ao domingo 15. 


Na primeira xornada os concertos comezarán ás seis da tarde, que será cando a Duendeneta comezará abrindo boca. Seguirana Vértebras, The Tyets, Balkan Paradise Orquestra, Lendakaris Muertos, Mafalda, Muchachito Bombo Infierno, Trashtucada e pecharán os Dakidarría.


O venres continúan as actuacións no recinto portuario. Os primeiros son ETS seguidos de García MC & Nación Quilombo, Fillas de Cassandra e Lontreira. Despois virá La Pegatina –un dos concertos máis esperados– seguido de Miss Bolivia, Narco, Muyayo Rif e Serial Killerz.


O sábado 14 haberá sesión musical de mañá e de tarde. Catuxa Salom será a encargada de arrincar seguida de Talco. Xa pola tarde estarán Xavi Sarriá, The Rapants, Los Niños Jesús, Tanxugueiras, Guadi Galego, El Kanka e La Fúmiga. A traca final é cousa de Dubioza Kolektiv, LDS, Rebeliom do Inframundo e Loita Armada. A fin de festa será a cargo de La Yaya DJ.


Portas abertas

O domingo Revenidas será de portas abertas coa gran sardiñada popular a partir da unha e media da tarde. No parque de Dona Concha tamén estarán Os Terribles de Arousa, Uxía Lambona e a Banda Molona e a Mekánica Rolling Band, que animarán o ambiente de romaría. Ademais –a partir das cinco e media– será a gala do circo solidaria. Xa á tardiña actuarán Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures. A entrada nesta xornada é totalmente gratuíta. 

Revenidas activa a súa conta atrás cos abonos case esgotados

Te puede interesar