Revenidas espera hoxe a Dakidarría e Lendakaris Muertos tras o roteiro histórico da man de Xurxo Souto

O festival vilaxoanés abre hoxe as súas portas con abonos aínda dispoñibles e á venta na súa páxina web oficial
Revenidas espera hoxe a Dakidarría e Lendakaris Muertos tras o roteiro histórico  da man de Xurxo Souto
O Roteiro guiado por Xurxo Souto foi todo un éxito de participación e inaugurou a programación dun Revenidas que chega cargado de propostas musicais e de actividades para todos os públicos | GONZALO SALGADO

Vilaxoán vive dende hoxe catro días de auténtica tolemia musical e cultural. O festival das linguas, o Revenidas, inicia hoxe os seus concertos no escenario do Porto despois dun arranque histórico, etnográfico e cultural da man do polifacético Xurxo Souto. Foi el o encargado –un ano máis– de dirixir e guiar un roteiro polo Vilaxoán máis auténtico, sen esquecer as partes históricas dunha localidade que segue apostando pola súa identidade. Tanto o gaiteiro Carlos Rey como membros da Coral de Vilaxoán amenizaron o percorrido de Souto e dos participantes por Vilaxoán.


Foi un aperitivo perfecto para o que está por vir, que é moito. Así pois A Duendeneta é a encargada –a partir das seis da tarde– de facer soar as primeiras notas musicais no recinto festivaleiro.


O primeiro concerto está previsto para as seis e media e correrá a cargo de Vértebras, o dúo de hip hop feminista e comprometido que forman as viguesas Ika Suversiva e Amari. Quentarán o ambiente para que o dúo de Mataró The Tyets mostre a súa proposta de “trapetón” con letras en catalán. Ás 20:30 actuarán Balkan Paradise Orchestra e ás 21:30 será unha nova sesión da Duendeneta.


Será a partir das dez da noite cando tocarán un dos grupos máis esperados, os Lendakaris Muertos, que seguen sendo un dos grandes nomes do punk estatal. Seguiranos os valencianos de Mafalda ás once e vinte da noite, que este ano anunciaron a súa disolución e ofrecerán no Revenidas o seu último concerto en Galicia.


Muchachito Bombo Infierno subirá ao escenario ás 00:25, e deleitarán ao público novo e veterano, dado que é a primeira vez que actuarán en Vilaxoán.


O penúltimo concerto do xoves será ás 1:50 a cargo de Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska.


A primeira xornada do Revenidas rematará cunha actuación de Dakidarría a partir das 2.50.
Cabe recordar que o festival prorrógase ata o domingo con unha programación intensa a todos os niveis. Tanto os concertos como as propostas alternativas. 


De feito Revenidas acolle mañá a pre estrea absoluta do documental “Seguimos en pé!”, que recolle o concerto especial que Dakidarría ofreceron no festival de Vilaxoán na edición pasada e no que participaron máis de 50 artistas convidados, así como outros momentos da xira “XX Aniversario”. A proxección do documental terá lugar ás 13 horas no centro sociocultural do Preguntoiro e contará con varios compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán curiosidades da película.

Revenidas espera hoxe a Dakidarría e Lendakaris Muertos tras o roteiro histórico da man de Xurxo Souto

Te puede interesar