A romaría máis enxebre regresa ao Castro de Alobre

A romaría máis enxebre regresa ao Castro de Alobre
Outón e Abad na presentación do Folk no Alobre

Historia, música, tradición e, sobre todo, boa compañía, son os ingredentes principais dunha cita xa ineludible no verán vilagarcián. Trátase do Folk no Alobre, que regresa o domingo 29 ao recinto do Valdés Bermejo. Organizada por Pés de Barro, inclúe roteiros, concertos, obradoiros e un xantar demorado.

 

Serán doce horas, de once a once, de "romaría e verbena galega", tal e como explicou Daniel Abad, de Pés de Barro, que prometió "boa sombra, alegría e música do país". Comezará cunha viaxe pola historia a través do "Ritual da Penas do Alobre", na que un guía profesional fará un repaso polo pasado con saída desde Ravella e final no propio xacemento. Estará acompañado por Xurxo Souto e Os Demos da Petaca, presentes en boa parte da romaría.

 

A sesión vermú será un "Consertasso na horta", a cargo de Brais das Hortas e logo chegará o xantar demorado, amenizado polos Demos e cos manxares que cada quen leve da súa casa. Chegará logo o tempo de aprender e de queimar calorías, cun obradoiro para cantar e bailar dirixido por Luis Prego. Haberá tempo para os soltos pero tamén para os agarrados, con dúas pezas de Vilaxoán: "O chotis" e "A mazurca".

 

Xa a partir das seis da tarde e ata as once comezarán os concertos, que inauguran Os Demos da Pataca, unha aposta segura, tras máis de vinte anos recollendo e interpretando a música tradicional galega. Toman o relevo Acordereita, que co seu primeiro traballo, "Loitar Cantando", fan toda unha declaración de intencións, cun estilo fresco e contundente. Temas tradicionais de autor e composicións propias conforman o repertorio. As Lagharteiras serán o terceiro grupo en actuar, cun espectáculo no que poñen en escena a súa labor de conservación e divulgación de músicas, cantos, instrumentos e vestiarios. Acaban de participar no novo himno do Celta. O peche corre a cargo das Faíscas da Pontagra, unha charanga tradicional que bebe ventos da música tradicional das dúas Galicias separadas polo Atlántico, gracias ás súas estadías en Arxentina, Uruguai ou Suíza.

 

"É un evento moi familiar e completo", destacou a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que animou a participar nunha xornada de "convivencia" nun entorno "moi especial". Ademais, destacou os coidados que a organización ten co xardín botánico.

 

A romaría máis enxebre regresa ao Castro de Alobre

Te puede interesar