Os Imperfectos, unha banda de Vilagarcía composta por Juan Carballo (poeta e voz), Álvaro Cardalda (teclados e voz) e Pedro Falcón (guitarras), acaba de sacar o primeiro tema, "Hai Algo Máxico", do primeiro álbum composto, grabado e producido por eles, Supernova".
"Este 2024/25 será un ano moi importante para nós, temos moita gana de que o noso primeiro álbum vexa a luz e agardamos que a nosa particular aposta pola música e poesía en galego chegue ás melloras salas e festivais do país", comentan desde o grupo.
A banda atópase na actualidade inmersa no lanzamento de Supernova, composto por oito cancións que serán publicadas, unha a unha, en todas as plataformas dixitais (Spotify, Youtube, Apple Music...) durante os próximos meses. Precisamente alí se pode ver "Hai Algo Máxico", cun videoclip protagonizado por Carla Rivas, unha das actrices principais na película "O Corno". Interpreta a unha rapaza afogada e agobiada pola súa rutina ata que algo verdadeiramente máxico lle acontece.
O videoclip está dirixido e producido por Diego Falcón, profesional audiovisual a cargo do proxecto ARDE. Para a gravación (e tamén para as presentacións en directo) Os Imperfectos contaron con músicos de sesión como Pepe Santamaría (batería) e Rubén Iglesias (baixo). O primeiro disco dos Imperfectos foi "feito a man" e coa mellor fórmula: entre amigos e compañeiros.
A composición, a produción e os arranxos correu a cargo dos tres Imperfectos e o disco foi gravado, mesturado e masterizado no estudo "A Casiña", en Vilaxoán, do que son responsables Álvaro Cardalda e Manolo Dopico. As baterías foron gravados no estudo de Garaxeland en Santiago de Compostela.
"Un disco feito aman e galego 100 % made in Galicia, nada pode saír mal", engaden Os Imperfectos, que agardan que as horas adicadas ao seu álbum se transforme nunha boa acollida, ao tempo que lembran que "este será un ano dunha gran Supernova".