As Letras Galegas e todo o que rodea a figura de Francisco Fernández del Riego (homenaxeado neste ano 2023) centrarán a actividade cultural do mes de maio en Vilagarcía. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o alcalde da cidade, Alberto Varela, resaltaron a importancia de sentirse "orgullosos do noso" nunhas datas tan sinaladas para a cultura galega, daí que o programa se extenda dende a próxima semana e ata finais de mes.
Así pois a primeira parada é o vindeiro venres 5 cunha conferencia na sala de conferencias do Auditorio a partir das sete da tarde. Será sobre a figura de Del Riego dende diferentes puntos de vista. No parladoiro participarán o profesor Emilio Xosé Ínsua, que falará sobre o vínculo de Del Riego co Seminario de Estudos Galegos; pola súa banda a tamén profesora Patricia Arias afondará na súa faceta política e pública e por último o filólogo e editor Antón Mascato fará un repaso pola súa prolífica obra.
A programación segue o seu curso con parada no mércores 10 no Salón García a partir das nove da noite coa proxección do documental "Negro Púrpura", en colaboración co Cineclube Ádega. Ao remate haberá unha charla coas directoras Sabela Iglesias e Adriana Villanueva.
O sábado 13 o Auditrio acollerá a partir das 19 horas a décimo quinta edición do Festival Nós de Sobradelo. Como grupo convidado participará A Barca de Loimil, de Arbo. A entrada é libre ata completar aforo. A véspera do gran día -o 16- haberá espazo para que escolares da localidad dos centros de A Lomba, O Piñeiriño e o Castro alobre coñezan máis de preto a figura de Del Riego da man dun cómic que será presentado por Pepe Carreiro e Antón Mascato.
O día grande é o mércores 17 e as actividades céntranse en Carril. Ás 11 comezarán os pasacalles e ás 12 será a tradicional ofrenda floral diante do busto de Rosalía de Castro. Ás 12:30 haberá unha actuación musical da Escola Gato Negro e de Malveiras e o plato forte da xornada resérvase para a unha da tarde co concerto de De Vacas.
De forma paralela e durante todo o mes haberá unha exposición foto-bibliográfica sobre Fernández del Riego na sala de exposicións do Auditorio e outra na antesala da biblioteca municipal tamén dedicada ao autor. Dende o Concello sinalan que aqueles colexios interesados en participar en visitas guiadas polas citadas mostras só teñen que mandar un correo electrónico a área de Cultura para solicitalo.