oitas veces achéganse demasiado as situacións de pánico, de vertixe e de medo, impedindo que nós, os cidadáns que andamos coas mans no peto, como andaba por Compostela, nos anos setenta, Suso Vaamonde, coa guitarra ao lombo e o pensamento situado fixamente no porvir, sexamos libres. Impedindo -dicimos- que sexamos capaces de ler, de ver e de entender o que pasa. Alguén de vostedes, amigos e prezados lectores, sabe que pasa?
Sería interesante discernir cando se trata de liberdade de información ou cando a información prexudica aos “interese xerais” duns poucos, dos que mandan. Sería interesante saber cal é a razón de tanta desinformación, de tanta avaricia, de tanta miseria, de tanta deshumanización e de tanta corrupción, procurando a xeneralización da ignorancia. Ignacio Ramonet, o xornalista natural de Redondela e asentado en París, insiste na parte negativa da sucesión rápida de noticias breves e fragmentadas, daquelas que “producen un dobre efecto de sobreinformación e desinformación”, un dobre e nefasto efecto sobre todos e cada un dos integrantes da sociedade.
De tanta comparecencia anunciando o que se anunciará, de tanto sermón, de tanta espera, de tanto calar e de tanto tragar, a cidadanía acabará desesperada, e globalmente enfadada, con ese coronavirus, que se achega pola rúa da amargura e que leva á economía mundial polo regato abaixo. As políticas tamén van polo regato, como se fosen unha enxurrada polo carronzo abaixo. E, que pensarán os políticos? Nada!, meus amigos, nin eles nin elas teñen tempo para nada.
Con toda a tristeza que se pode aguantar, que nace e reverdece no mundo e en cada un dos millóns de micromundos descoñecidos, a Tía Manuela quere enviarlle á poetisa Luz Pozo Garza, “unha aperta grande e de amigas solidarias, moi grande e co afán de que a comparta con todos os nosos, os galegos todos que van aló, e con todos os que morren e morrerán”, desexándolles que ese paso á nada, a morte, sexa digno, tan digno como a lembranza que nos deixan. Efectivamente, o recordo é a mellor herdanza que queda dos que queremos, dos familiares e dos amigos. É a mellor herdanza que quedará de vós e de nós, con infección ou sen ela.