Dan man dunha profesional dos medios de comunicación e como parte dunha iniciativa promovica pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP) vinte alumnos de sexto de Primaria do colexio vilagarcián Anexo-A Lomba descobren o marabilloso mundo da radio. Fano con clases que mesturan á perfección o teórico co práctico e coa intención de adquirir coñecementos que lles permitan, cando esta actividades estea xa a piques de rematar, a gravación dun programa radiofónico centrado na educación en valores e que se distribuirá entre a comunidade educativa.
A proposta é pioneira na capital arousá, aínda que xa conta con experiencias similares noutros colexios galegos como o CEIP Ponte Sampaio de Pontevedra ou o IES Antonio Fraguas de Santiago. Os alumnos vilagarciáns aprenden, entre outras cuestións, claves sobre os xéneros xornalísticos, o guión e tamén as montaxes propiamente ditas. Iso si, todos os exemplos cos que se traballan son de temática social e solidaria. Tamén adquiren coñecementos sobre como tratar aos colectivos en risco de exclusión social ou a análise dun discurso mediático.
A duración da actividade é de doce semanas e é unha fórmula máis que exitosa de facer que os máis pequenos da casa sexan receptores críticos e activos.
Coa radio, ese medio que nunca pasa de moda, os pequenos escóitanse a si mesmos e, o que é máis importante, fanse escoitar naqueles temas que lles preocupan de verdade.
Coñecer a radio por dentro e ver a utilidade que esta ten para crear e difundir contidos de temática social é un dos pilares que pretende establecer Agareso con este tipo de iniciativas. E, de seguro, entre os vinte rapaces do Anexo se atopa algunha promesa do xornalismo do futuro radiofónico galego. n