CAMBADOS-Unha “Enormic Banda” aínda máis especial

CAMBADOS-Unha “Enormic Banda” aínda máis especial
Diario de Arousa-2014-06-06-012-6d82fc11

Xa está na rúa unha nova edición da revista de banda deseñada Enormic Banda cun total de 32 páxinas onde se misturan os traballos de novos talentos da comarca coas verbas e as pinceladas de recoñecidos autores e artistas. Cada número é especial, pero este aínda o é máis porque é unha mostra viva do futuro do proxecto e porque é o último do profesor Xabier Camba como coordinador da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de secundaria do Salnés –quen o promove–, tras 20 anos de vinculación coa iniciativa, en resumo, dende o seus inicios. O docente deixa o IES Cotarelo de Vilagarcía para ocupar un posto nun centro da súa terra, A Estrada, e onte recibiu unha pequena homenaxe dos  seus compañeiros e un agasallo que, como non podía ser doutro modo, era unha das portadas da revista, a de 2011, elaborada polo artista vilagarcián Uxío.

invitados de luxo
Este número leva na portada a firma da pintora Emérita Méndez, residente en Cambados, que ten feito mostras individuais e colectivas en diferentes lugares da comarca; mentres que o académico Francisco Fernández Rei é o autor do prólogo, no que fai mención a un bo amigo, nada menos que o profesor xaponés Takekazu Asaka, autor do libro “Cantata a Ramón Cabanillas”, entre outras cuestións.
O contido consiste en 26 traballos gráficos realizados por un total de 31 alumnos dos centros Miguel Ángel González, Castro Alobre, Armando Cotarelo, Bouza Brei, A Basella, Faro das Lúas, Illa de Arousa, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey, Vilalonga, Monte da Vila, Barro e O Mosteiro.
A presentación tivo lugar no Cabanillas e coa presenza deses colaboradores de luxo e a nota emotiva aportouna ese recoñecemento “ao traballo a prol da lingua e da dinamización cultural do Salnés” feito a Camba.
A súa marcha non deixa indiferente a ninguén, pero o proxecto sigue e en boas mans. Os tempos son difíciles, pero durante a súa traxectoria tamén os houbo malos e se logrou seguir adiante. De feito, a revista naceu no curso 95-96 e foi moi fructífera nas primeiras edicións, pero o decenso de traballos e a falta de interese do alumnado dos centros implicados, mesmo para a súa lectura, fixeron que se aparcase por un tempo e ata o 2004, cando se retomou e con moi boa saúde.
Os gastos da edición cúbrense  coa venda de exemplares. Nesta ocasión editáronse 1.400 onde se pode observar o talento emerxente da comarca porque o su obxectivo era precisamente amosar a elaboración de traballos gráficos, viñetas, historietas... Feitos polos máis mozos e tamén como unha ferramenta de dinamización do galego.

CAMBADOS-Unha “Enormic Banda” aínda máis especial

Te puede interesar