A relación epistolar con galeguistas, particularmente con Xaime Illa Couto entre 1977 e 1988, cando se dirixía á editorial Galaxia para mercar libros galegos, e o coñecemento da literatura galega axudáronlle a pescudar sobre a personalidade sociocultural de Galicia.
Con motivo do XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, que se celebrou na Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 1989, acudiu por primeira vez a Galicia; e nunha excursión na semana do Congreso pasou por Cambados e, camiño da Toxa, puido apreciar a beleza da paisaxe do mar da Arousa desde a ribeira do Salnés.O ano seguinte volveu a Compostela para asistir ós Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia; e desde aquela, cada verán aterra en Galicia antes do 25 de xullo e volve a Toquio ben entrado o mes de agosto. Antes achegábase a Cambados, pero nos últimos anos vén directamente á vila natal de Cabanillas, o que lle permite visitar monumentos todo o Salnés e a diversidade paisaxística da bisbarra. No seminario sobre galego estándar e variedades orais que impartín no nivel superior dos cursos para estranxeiros de 1990, Asaka coñeceu aspectos da fala viva e da cultura mariñeira de Cambados, mentres que no seminario de literatura galega que ese mesmo ano impartía Xesús Alonso Montero descubriu a figura de Ramón Cabanillas, o que o levou a mercar a Antoloxía Poética de Marino Dónega. O descubrimento de Cabanillas fixo que Asaka acudise á terra natal do poeta para coñecer a súa paisaxe vital: os monumentos, as rúas, as prazas e a beiramar de Fefiñáns, Cambados e San Tomé, as tres viliñas que conforman o actual Cambados e que aboian en tantos versos de Cabanillas; e asemade foi descubrindo en restaurantes familiares o “arrós á mariñeira” e outros pratos da gastronomía cambadesa, así como os albariños do Salnés. Asaka preséntase na súa tarxeta de visita como “embaixador da lingua galega no Xapón”, honra que ten ben merecida este investigador e difusor da nosa cultura, que cando está en Galicia exerce como brigadista na defensa da lingua galega, que usa con naturalidade en calquera situación, como teño comprobado. En 1993 editou unha gramática do galego moderno para xaponeses, seguida dunha guía de conversación e dun vocabulario básico trilingüe (galego-castelán-xaponés), para logo centrarse no estudo da situación sociolingüística do galego en Galicia e nas comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, á vez que traducía á súa lingua poemas de clásicos galegos. No 2009 publicou unha edición bilingüe dos Cantares gallegos de Rosalía, poemario fundacional da nosa literatura moderna; e no 2011 editou un breve estudo sobre Cabanillas con poemas en versión bilingüe, e tamén a obra Coñecer Galicia, 50 capítulos en xaponés que conforman unha especie de guía da nosa situación sociocultural. Este verán Asaka editará a versión xaponesa dos Contos da miña terra de Rosalía e está a preparar a tradución xaponesa dos poemas de Martín Codax, o cantor das ondas do mar de Vigo, que se acompañará cun CD do Ensemble Yuri. En novembro do 2013 publicou en Toquio a Cantata a Ramón Cabanillas, que se abre cun limiar (en galego e xaponés) da miña autoría, seguido dun longo capítulo (en xaponés) no que Asaka se centra na biografía e na produción literaria do poeta e dramaturgo, á vez que analiza os perfís da súa personalidade. O capítulo seguinte é unha escolma de 18 poemas (en galego e en xaponés), con notas e diversas fotos de paisaxes e da arquitectura popular de Cambados (e do Salnés) e de plantas para que os lectores de Xapón poidan entender e imaxinar os textos e as paisaxes evocadas. A obra máis representada nesa escolma é a edición de Vento mareiro de 1915. O libro ten como ramo un CD no que dúas artistas xaponesas, a soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa, interpretan oito poemas da escolma que musicaran compositores coma Antón García Abril, Xavier Monsalvatge ou Ataúlfo Argenta. Nada máis editarse o libro, o 23 de novembro de 2013 celebrouse un acto na cidade de Yokohama na que as dúas artistas interpretaron esas cancións; e como reclamo publicitario dese acto a artista Yuuko Ishioroshi caligrafou os textos en galego dos poemas “Camiño longo” e “Foliada” que aparecen no CD. A comezos do vindeiro agosto presentarase en Cambados a Cantata a Cabanillas nun acto no que se prevé que, ademais de Asaka, Haga e Nishikawa interpreten os textos do poeta, e posiblemente se expoñan caligrafías de Ishioroshi sobre poemas de Cabanillas. Esta homenaxe ó poeta que naceu na viliña de Fefiñáns nunha casiña mariñeira e que se acabou convertendo no símbolo do agrarismo e das Irmandades da Fala, do galeguismo de combate de amtes da guerra do 36 e do culturalismo de posguerra, será o preludio dos actos que en Cambados (e no Salnés) se fagan no 2015 para conmemorar o centenario de Vento mareiro, poemario co que Cabanillas modernizou a linguaxe poética galega d espois do cativo nivel da lírica do período de entre séculos. Para min é unha inmensa satisfacción ver que o profesor Takekazu Asaka segue a traballar arreo a prol da difusión da lingua e da cultura galegas no Xapón, coa mesma paixón e xenerosidade de cando nos coñecemos hai 25 anos no Congreso de romanística celebrado en Compostela. Takiño, que é como quere que lle chamemos os amigos, acabou converténdose nun dos principais representantes do que Suso Acevedo bautizara como a forza que vén de lonxe, neste caso, unha forza que nos chega de moi lonxe.