O coworking do Salnés arranca con 22 plans de negocio centrados no turismo e na alimentación

O coworking do Salnés arranca con 22 plans de negocio centrados no turismo e na alimentación
Participantes nesta nova edición do programa, que se desenvolve nas instalacións do Pazo Vista Real de Vilanova de Arousa | d. a.

Un total de 27 emprendedores da comarca de Arousa poderán ata finais deste ano acelerar as súas ideas de negocio na segunda edición do coworking do Salnés que acaba de comezar con 22 proxectos empresariais centrados nos sectores do turismo e da alimentación, dous ámbitos estratéxicos para esta zona. Tamén se promoven nesta iniciativa, que impulsa a Xunta en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), plans referidos aos eidos da artesanía, os servizos e o téxtil. 
A segunda edición do coworking do Salnés —un espazo onde os emprendedores da comarca poden madurar, a través do asesoramento e a formación, os seus proxectos para convertelos nun negocio— aspira a converter Arousa nun centro de emprendemento comarcal. 

Éxito e reedición
A primeira edición desta aceleradora rematou con éxito en abril deste ano. De aí que agora se poña outra vez en marcha un novo programa. Na primeira edición participaron 22 ideas de negocio impulsadas por outros tantos emprendedores. 
Os espazos coworking ofrecen aos emprendedores a oportunidade de dar forma aos seus negocios a través de obradoiros, sesións formativas grupais, mentoring e eventos que potencien o networking. Ademais, póñense a disposición dos participantes as novas tecnoloxías e servizos que precisan para desenvolver os seus proxectos nos que contan cun mentor, 40 horas de titorización por iniciativa e 60 horas de formación en competencias de emprendemento e xestión. Do que se trata, en definitiva, é de ofrecer á comarca novas oportunidades para seguir medrando en dous ámbitos tan importantes para a dinamización económica do Salnés como son o turismo e a alimentación. 
A cooperación entre a Xunta e a Escuela de Organización Industrial terá permitido, ao remate desta nova edición dos espazos coworking, consolidar en toda Galicia 440 proxectos promovidos por 540 emprendedores galegos. 
Na convocatoria que na actualidade se encontra en marcha, estanse a desenvolver preto de 150 proxectos de máis de 170 emprendedores nos espazos coworking de Santiago, Ferrolterra, A Ribeira Sacra, A Mariña lucense, A Costa da Morte, Celanova-Terras da Limia e O Salnés. En próximas datas sumarase o de Ourense, no CIS Madeira.
Estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e emprego dos concellos, sobre todo dos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación. Deste xeito, estes espazos xeran o clima de confianza necesario para poñer en marcha un negocio á vez que se fomenta o traballo colaborativo e o emprego de calidade. O obxectivo é facer os concellos galegos máis atractivos e competitivos. 
Esta actuación responde ao compromiso da Xunta co emprendemento, enmarcándose na Rede de Aceleradoras de Galicia coa que se apoiaron xa máis de 600 proxectos nos últimos cinco anos a través de iniciativas como Agrobiotech en Lugo e Ourense, centrada nos sectores agroalimentario, forestal e a biomasa; a Business Factory Auto (BFA), na que colaboran PSA, Zona Franca, Ceaga e CTAG en Vigo; os programas Connecting for Good Galicia e Galicia Open Future, en Santiago, coa colaboración de Vodafone e Telefónica, respectivamente; ViaGalicia, en Vigo e Lugo, que conta co apoio de Zona Franca; ou a primeira incubadora de fármacos de España, que se promove desde Santiago coa Fundación Kaertor e a multinacional Janssen. l

O coworking do Salnés arranca con 22 plans de negocio centrados no turismo e na alimentación

Te puede interesar