É, probablemente, un dos momentos máis incertos para a hostalería e, por iso, Félix Acuña considera que “é o momento de dar o paso”. Con anos de experiencia no sector e vencellado principalmente ao ocio nocturno dende o martes é o novo presidente da Asociación de Hostaleiros de Vilagarcía (Ahituvi) e entre os seus retos inmediatos non está só o de afrontar as consecuencias da pandemia, senón tamén outros afectan directamente ao sector na capital arousá.
Presidente de Ahituvi xusto nun momento moi complicado...
Si, precisamente por iso considero que os hostaleiros non podemos perder representatividade. Por iso decidín dar o paso. Aparte non estou só, senón que teño un equipo directivo e ímonos a poñer a traballar dende xa.
Nesa folla de ruta imaxino que estarán as restricións da pandemia e o que supuxeron para a hostalería local. Como foi este verán?
Este verán, pese á quinta onda, na hostalería diúrna traballouse ben, pese a que os aforos e as medidas ían cambiando cada semana. Precisamente esa incertidume era un dos maiores problemas que tiñamos. Aínda así a cousa foi bastante ben. No ocio nocturno xa non. Todo o tempo que os locales estivemos parados foi moi duro e agora o que estamos é tratando de resistir.
Son suficientes as axudas das administracións para sobrevivir?
Hai axudas, tanto para o ocio nocturno como para o diúrno, pero os importes son moi pequenos se os comparamos cos costes fixos e sumando ademais as perdas que vimos arrastrando. É por iso que hai compañeiros que o están a pasar moi mal e hai outros que, sen ir máis lonxe, tiveron que pechar.
“Ao sector preocúpalle o tema das terrazas de cara ao inverno.
Hai que revitalizar o interior dos locais hostaleiros”
Entón a situación en Vilagarcía é complicada despois de todos estes meses de pandemia...
Si, é complicada. Eu penso que agora, cando remate o verán, será o momento de facer balance. Hai incertidume co que vai pasar cando cheguen as choivas e o inverno. O que está claro é que non se pode seguir viviendo das terrazas, que hay que revitalizar os interiores dos locais.
Supoño que están pendentes dese protocolo que está a ser consensuado entre a Xunta de Galicia e os hostaleiros e que será o que defina un pouco o que vai pasar...
O que está claro é que se nalgún lugar nos preocupamos todo este tempo porque se cumpran os protocolos covid foi na hostalería. Nun botellón ninguén se vai preocupar diso, nin nunha festa privada. Eu creo que o futuro ten que ir polo tema dos aforos, por unha ventilación boa nos locais e por empezar a camiñar hacia a normalidade agora que temos unha porcentaxe elevada da poboación vacinada. Teremos que convivir co virus.
Cre que se o Supremo o avala se volverá a activar o uso do certificado covid?
Eu creo que o pouco que se usou non funcionou. A xente non entraba nos locais.
Coñece moi de cerca o ocio nocturno que acaba de reactivarse. Como foi ese regreso?
Nós (na TIR) traballamos ben. A limitación de horario afectounos a que non chegues ao nivel de facturación óptimos, pero ben. A xente ten ganas de festa. O que si é que este todo tempo pechados vai provocar un cambio de hábitos entre aqueles non tan novos que, probablemente, deixarán de saír como o facían antes.
O que está claro é que a zona TIR é delicada en canto a tema de ocio nocturno por críticas sobre excesos de horarios e demais...
Nós sempre tratamos de traballar nos horarios que hai que facelo. O noso principal problema é o botellón que sufrimos de forma inmensa xusto aquí no paseo e que complica moito a forma de traballar. Temos que estar pendentes de que a xente non se coe ou que salte por encima das cristaleiras. Incluso temos que ter atendido a xente moi nova que bebe sen control. E iso non o temos que controlar nós, ten que actuar o Concello.
Reclama vostede máis vixiancia para esta zona?
Non se trata de entrar aquí cun exército, pero si de non permitilo. O botellón é ilegal e non pode existir e a responsabilidade diso tena o Concello. Tamén a ten no tema dos 24 horas, que venden alcol sen control facendo competencia desleal. Son algúns dos temas que preocupan e que xa me trasladaron os asociados, ao igual que o das terrazas.
Hai críticas precisamente porque as terrazas ocupan moito espazo.
Nós temos que convivir cos cidadáns. Temos que buscar o equilibrio que beneficie a uns e a outros. Preocupa o de buscar unha solución de cara ao inverno e é algo no que temos que traballar.