A filóloga pobrense Ana Boullón Agrelo ingresará como membro de número na Real Academia Galega nun acto público que terá lugar no Teatro Elma da súa vila natal o día 11, ás 12:30 horas. A profesora e investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, ocupará a cadeira vacante deixada por Xosé Luís Franco Grande, falecido o pasado marzo.
Fontes da institución detallaron que a académica Boullón Agrelo lerá o discurso titulado “Todos os nomes: identidade, pobo, país” ao que lle dará resposta Ramón Lorenzo Vázquez nesta sesión extraordinaria pública de ingreso.
A pobrense é profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, e unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega –unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia– a edición de textos e a lexicografía.
En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e presidiu a Asociación Galega de Onomástica, na que segue a formar parte do equipo directivo.
A académica electa ten publicado textos medievais non literarios e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e tamén é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. Formou parte, entre outros, dos equipos que promoveron ferramentas informáticas en liña para o estudo do léxico medieval (Dicionario de dicionarios do galego medieval) e planificou xunto a Xulio Sousa a “Cartografía dos apelidos de Galicia”, esta última por encarga da Real Academia Galega.
Na actualidade, tamén por encarga desta institución, está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, que se atopa en fase de revisión; e a posta en marcha da “Guía dos nomes galegos”, que estará dispoñible na súa páxina web e coa que o público poderá facer pescudas sobre os nomes propios.
Con anterioridade, dirixiu o equipo que elaborou “Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización” (RAG, 2016) e foi coordinadora de distintas edicións da Xornada de Onomástica Galega, que a Academia celebra anualmente dende 2016.
Ana Boullón presentou os seus traballos en máis de corenta encontros estatais e internacionais, dende a Universidade de Santiago de Compostela e outras españolas ata as de Bahia, Leipzig ou Torino; realizou estadías nas universidades e Oxford, Trier e Queen Mary (Londres) e colabora como consultora en proxectos de investigación do Brasil e dos Estados Unidos, ademais de participar en diversos proxectos estatais e internacionais. As súas achegas abranguen ademais outras publicacións orientadas á divulgación, faceta que cultiva tamén con colaboración periódicas no Portal das Palabras ou no espazo audiovisual O Seminario de Onomástica responde.