"A feira das mentiras" é o segundo adianto do novo álbum de Boyanka Kostova, o dúo santiagués formado por Cibrán García e O Chicho do Funk -Ortiga-, os pioneiros do trap galego. Chega tras a publicación, apenas hai un mes, de ‘Ordoño’, e ambos os temas son unha declaración de intencións do seu primeiro traballo publicado baixo o selo de Ernie Records.
En "A feira das mentiras", Boyanka Kostova constrúe puro hip-hop cunha melodía inicial que toma da man ao oínte e vaino guiando pola canción ata que a base rompe; entón, chega a rima: "porque en Galicia nós somos a calidade / e Boyanka patrimonio cultural da humanidade", sentencian.
Pegadiza, cunha métrica coidada e afinada, ‘"A feira das mentiras" supón un salto de calidade para o dúo galego responsable do maior crossover do trap en España. Tras xogar e experimentar anteriormente con todos os sons e xéneros -funk, muiñeira, música urbana, electrónica, trap…-, en "A feira das mentiras" apostan por un rap elaborado e de calidade no que non faltan numerosas referencias.
Non faltan no tema as chiscadelas a Compostela. É máis, "A feira das mentiras" conta cun videoclip desenvolvido por Álvaro Alvite no que percorremos, durante a noite e xunto a Boyanka Kostova, escenarios moi recoñecidos de Santiago.