Terra, cantata para solista, coro e orquestra foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu Coro, dirixidos por Víctor Pablo Pérez, e contou coa voz do barítono Javier Franco e a colaboración de Javier Fajardo, director musical do coro. Para Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, "esta é unha obra que se alicerza na tradición sen renunciar á innovación coa que Juan Durán contribúe ao progreso e actualización consonte á súa xeración". Para Luis Costa, "Terra é unha obra ambiciosa e complexa", que se inspira nos textos da etapa máis reivindicativa do poeta Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959), cantados por Javier Franco. Costa destaca a visión desta obra coma "un amplo fresco repartido en cantos á maneira dunha Divina comedia en música, por onde transitan os sentimentos, as paisaxes e a historia dun país que é real e á vez imaxinado por todos os que o soñan".
A obra, que inclúe un folleto e a gravación da peza realizada no Pazo da Ópera da Coruña o 24 de novembro de 2023 pode escoitarse e descargarse no web do Consello da Cultura Galega.