Chévere desembarca no Culturgal 2024 coa súa primeira "Ultranoite Cultureta"

Chévere desembarca no Culturgal 2024 coa súa primeira "Ultranoite Cultureta"
Chévere

O Culturgal 2024 será o escenario dun espectáculo moi especial, unha Ultranoite que o grupo Chévere preparou únicamente para a Feira das Culturas Galegas.

 

Coa ‘Ultranoite Cultureta’, a compañía desembarca no Culturgal para se achegar ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns.

 

Esta Ultranoite única feita para o Culturgal será o sábado 30 de novembro ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

Nunha das primeiras edicións do Culturgal, en 2008, o grupo Chévere celebrou “o rito escénico de casamento da cultura e a industria, unha unión que se intuía fráxil e sometida a constantes disputas e desencontros”.

 

“Agora, dezaseis anos despois, volvemos ao Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis ca un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposible?”, pregúntase a compañía.

 

O espectáculo intenta atopar respostas a outras preguntas: Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Quen é quen na santa compaña da cultura galega? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto a tipoloxía das Casas da Cultura? Hai vida máis alá da subvención?


Entradas e abonos

As entradas e abonos do Culturgal 2024, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra, xa están dispoñibles na web cultur.gal.

 

A compra anticipada supón descontos, con prezos de 3 euros a entrada dun día, 5 euros o bono dos tres días, e prezos especiais para familias e público infantil.

 

A entrada anticipada para o espectáculo de Chévere é de 22 euros e inclúe o acceso dun día ao Culturgal. Están tamén á venda as entradas para 'A nena e o grilo nun barquiño', de Magín Blanco.

 

O venres 29 de novembro, ás 21:00 horas no auditorio, haberá un concerto da Banda Xangai e a estrea do documental Bravú XXX, gratis coa entrada a Culturgal.

Chévere desembarca no Culturgal 2024 coa súa primeira "Ultranoite Cultureta"

Te puede interesar