O novo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, reclama un “pacto social” polo galego

Comprométese a dar un “impulso” á Real Academia Galega con medidas para incentivar o uso do idioma
O novo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, reclama un “pacto social” polo galego
Henrique Monteagudo, este venres, tras a reunión da RAG | Quintana

O novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo (Muros, 1959), –elixido con 23 votos favorables e dous en branco– comprometeu “continuidade e un novo impulso” á fronte da institución académica. Tamén demandou un “pacto social” polo galego e considerou necesarias novas medidas neste sentido.


En particular, para chegar aos mozos avogou por facelo a través doutros medios de comunicación, citando neste sentido as redes sociais. 

 

“A nosa gran preocupación é a situación do idioma, a Academia é unha institución con poucos recursos materiais pero temos ideas e coñecemento e desde ese capital estamos a reclamar medidas en defensa do galego e propoñendo novas maneiras de abordar o problema”, sinalou Monteagudo.

 

“En contacto coa sociedade”


“Pedindo un pacto social pola lingua e ao dispor de calquera medida que se dea nesta liña, o galego é de todos e todas, é necesario un novo rumbo”, engadiu para incidir en que fan “falta novas ideas e novos impulsos para o idioma”. Para iso, apelou a unha RAG “moi en contacto coa sociedade”.


O académico tamén insistiu na necesidade de “máis financiamento” ante a situación “precaria” da institución neste sentido. “Medios para facer cousas”, remarcou para manifestar que “é o momento de lanzar unha fundación proacademia para novos proxectos”. 

 

Así o expuxo ante os medios de comunicación despois de que a institución celebrase onte o pleno extraordinario de elección da nova presidencia, na que a súa foi a única candidatura.

 

 O XIV presidente da Real Academia Galega estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretaria. 

O novo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, reclama un “pacto social” polo galego

Te puede interesar