Carlos Blanco: “A Laureano Oubiña non lle gustou o meu traballo en Fariña. A min o del tampouco”

Carlos Blanco: “A Laureano Oubiña non lle gustou o meu traballo en Fariña. A min o del tampouco”
Carlos Blanco chegou en bicicleta desde A Illa ata Vilagarcía para facer a entrevista | Gonzalo Salgado

Desde Ladislao Couto en “Mareas Vivas” a Manuel Merino, protagonista da serie “A Coral” na TVG pasaron anos. Entremedias deu vida ao axente Ríos en “El caso Asunta”, foi Ramón en “La unidad”, Luis en “Los favoritos de Midas” ou Laureano Oubiña en “Fariña”, serie que revolucionou todo. Carlos Blanco está no seu mellor momento profesional e é xusto agora, neste punto álxido da súa carreira, na madurez como home e como actor, cando decide apousentar, baixar o ritmo, dicir que non a algunhas das numerosas ofertas que recibe, aceptar as que lle enchen o ollo e ir retirándose aos poucos. Pero iso será pouco a pouco e mentres chega o momento goza do seu papel protagonista na serie “A Coral” e anuncia o regreso de “Somos criminais” con Touriñán. Como ven, a intención do actor é a de pisar cada vez menos as táboas, pero a realidade apunta a que teremos, por fortuna, moito Carlos Blanco en activo para bastante tempo.

 

Unha traxectoria que chega á súa recta final por vontade propia...
É lei de vida. Teño 66 anos e chego a unha idade na que me apetece viaxar e gozar da vida por moito que me guste o que fago.

 

Xa hai data?
Non sabes o que pode acontecer na vida. Ás veces chega un proxecto goloso e non se pode dicir que non, pero o plan é deixalo pouco a pouco.

 

Fala como se xa probara dese mel dos grandes proxectos e lle quedara a boca doce.
Pois mira, pasoume que en outubro pasado, cando xa pensaba en todas estas cousas, compaxinaba unha película, unha serie e unha obra de teatro todo á vez. Nesa época estaba acabando de rodar “Rondallas”, que se estreará agora e na que fago un persoaxe moi chulo, xa o veredes; tamén unha serie para a Televisión de Galicia, “A Coral”, que se está emitindo neste momento, e ensaiaba con Touriñán “Somos criminais”. Era unha loucura porque rodaba pola mañá e pola tarde, estudaba pola noite e non tiña tempo para nada e quero que se calme un pouco todo isto.

 

E polo que se ve, tres personaxes distintos e case antagónicos nalgún caso.
A clave é cando te vistes. Cando pos a roupa entras no personaxe. A xente pode entendelo co entroido. Proben a disfrazarse de pirata, parece que comezas a ser malote (imposta a voz). Por suposto hai que ter ben traballado e interiorizado o que tes que facer.

A7A0914
Carlos Blanco, na Praza de Galicia de Vilagarcía | Gonzalo Salgado

 

Vostede é un referente cómico en Galicia cos seus monólogos e nas series e películas interpreta a personaxes que son todo o contrario.
Conseguín separar unha faceta da outra, que non é fácil. Non é sinxelo que vexan a un cómico en papeis serios. Pásalle a Touriñán, a Daniel Rovira e non sei se a xente sería capaz de ver a Leo Harlem nun papel dramático, pero eu conseguín que en Galicia me vexan como cómico e fóra non.

 

E como se consigue iso?
Eu diferenciei moito a miña carreira facendo que os monólogos sexan para Galicia porque falan de aquí, de nós, das cantigas, dos turistas…

 

Os seus monólogos perderían chispa se fosen en castelán?
Normalmente fágoos en galego, aínda que tamén fíxenos en castelán incluso en Galicia porque ás veces son para unha convención ou cousas así. Ao mellor perden un pouquiño de gracia porque se lle contas a médicos de toda España quen era Ana Kiro ao mellor non o saben ou que significa Luar para todos nós ou que haxa cantigas que digan que teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía porque iso é bigamia para os de fóra.

 

Vostede, como outros artistas, elixiu A Illa de Arousa para vivir con tranquilidade, aínda que no verán non sexa así.
Vivindo dentro non pasa nada, o problema está para quen ten que entrar e saír por culpa dos atascos.

 

E Carlos Blanco é da Illa ou de fóra?
A min acusáronme de ser desas persoas que contribúen á invasión, pero eu contesto que se non queren xente, que non organicen festas gastronómicas. A Illa ten o problema de que non ten pisos en aluguer nestes momentos, son case todos turísticos.

 

Co debate enriba da mesa, é favorable ao cobro dunha taxa turística ou non?
Completamente partidario. De feito págoa cando vou a Oporto ou a Barcelona. A min paréceme ben que unha persoa que vén a Vilagarcía, á Illa ou a Santiago e utiliza os servizos públicos pague 2, 3 ou 5 euros que lle veñen moi ben aos concellos. Ningún turista vai deixar de vir por ter que pagar eses cartos cada día.

 

Despois de once anos volve á TVG para coller a batuta.
Demasiado tempo, si. E non entendín por que, como tampouco que despois de “Mareas Vivas” nin a Miguel de Lira nin a min se nos dera unha serie á nosa medida.

 

A favor da gheada e o seseo na tele?
Eu vivo na Illa, e digo ghrasias, trese, aghora e ghato. É a variante dialectal máis extendida e tiven que aturar a algún ignorante dicindo que estabamos a menospreciar o idioma. O mesmo pasa no español, que ten variantes na fala. O único que fai de menos a unha lingua é non usala.

 

Que me di da serie “A Coral”?
Foi moi divertido facela porque gustoume o personaxe e son o protagonista. Non fixen tantos papeis principais na miña carreira, pese a que nos secundarios hai que estar ben, aínda que sexa para dicir unha única frase. Apetecíame rodar en galego e espero que teña audiencia para grabar unha segunda temporada.

 

Como é ese personaxe?
Pois mira, parécese moito ao doutor House, que a min me gusta moito pola súa mala “leche” e ese encabronamento seu.

 

Está o audiovisual galego nun dos seus mellores momentos?
Aquí temos os mellores mexillóns do mundo e en actores competimos. “Fariña” foi fundamental para mostrar un abano espectacular. Non coñecían a Morris, por exemplo, ou a Isabel Naveira, a Charlina, que está a arrasar agora en toda España.

 

Pese a que as series teñen máis poderío económico aínda quedan lonxe das norteamericanas, non?
Ti ves o inicio dunha película de Marvel cando Spiderman salta dun lado para outro, caen doce helicópteros e se esparran 57 coches e hai 37.000 extras e eses cinco minutos son o que nos costa a nós seis meses de rodaxe. É difícil competir contra iso, pero facémolo.

 

Falabamos antes de Fariña. Interpretou a Laureano Oubiña co que parece ser que tivo un cara a cara un pouco tenso no seu día.

Foi el quen quixo falar comigo. A rodaxe xa comezara e eu tiña estudadísimo o seu personaxe. Daquela estaba en terceiro grao no cárcere de Guadalaxara. Aceptei esa conversa, pero puxen dúas condicións: quería testigos e invitar eu.

 

E como foi esa conversa?
Tensa. Foi moi maleducado e eu tampouco estiven agradable. A min morreume o meu irmán Manolo na droga e o corpo non me pedía ir alí a dicirlle que guai, aínda que insistiu en que non se dedicara á heroína. Non quero entrar en detalles, pero non saímos dalí como amigos. A el non lle gustou o meu traballo e a min tampouco me gusta o del.

 

Falando de todo un pouco, arrase total con “Somos criminais”.
Quedou tanta xente fóra que casi podo adiantar que volvemos en outubro. Estaremos en Vilagarcía, en A Coruña (un par de Palexcos), en Vigo, en Santiago e nalgún sitio máis, non moitos, porque Touri, que é o número un do humor en Galicia, anda a mil.

 

Tanto tempo de xira dá para falar de todo, tamén de fútbol con Touriñán?
Moitas veces, o que pasa é que eu non quero abusar. El solta o das copas que teñen e é verdade e eu contéstolle que de aí veu a ruína do equipo e o comparo coas familias vidas a menos ás que só lles queda a vaixela. Pero claro, que lles quiten o bailado coa época de Bebeto, Mauro Silva, Fran ou Rivaldo. Aínda sen títulos, estou moi orgulloso de ser do Celta, da peña Carcamáns, da que quero montar a sección “os de fóra” porque é un xeito de ser.

 

Como prepara as súas personaxes?
Se podo, con tempo. Mira, para Hospital Central chamáronme dunha semana para outra e para Oubiña tiven seis meses ou catro meses para o almirante de Rapa.

 

Os ollos non enganan soe dicirse, e na pantalla menos, non si?
Vouche contar unha anécdota. Un día, a miña parella, no ascensor díxome: “Xa non miras como Oubiña” e eu non era consciente diso. Entras no personaxe e posúete e despois saes del sen darte conta. Outra, co do almirante serviume para deixar de fumar, primeiro porque era unha promesa a unha persoa que quero moito, e logo porque cando me puxen o uniforme coas condecoracións díxenme, este tío non fuma e non só iso, senón que despreza a quen non ten a forza de vontade de deixalo.

 


“Cheguei a unha idade na que me apetece parar e gozar da vida por moito que me guste o que fago, pero sigo aberto a proxectos golosos"

 

Repercuten os papeis que interpreta na vida real?
Fixen un personaxe nunha película que non tivo moito éxito, “La Estrella” na que era o marido de Carmen Machi, que representaba a unha muller maltratada. Paseino moi mal metido na pel daquel tipo. Imaxínate a Candela Peña para meterse no papel terrible de Rosario Porto. Cando comezou a rodaxe vomitou e tivo que vir unha ambulancia polos nervios que tiña. Despois fixo unha marabilla, pero foi difícil.

 

Como leva un actor experimentado e de éxito ter que pasar por un casting?
Mal. É para dicirlles que vaian a Netflix, a Movistar ou que vexan os premios que gañaches, pero queren ver como combinas e hai que ir. En “Mareas Vivas” fixen o casting para o papel protagonista e non me colleron, quedei con Ladislao. Como tiña confianza con Reixa pregunteille o por que e díxome que Tosar o fixera mellor e, mira, acepteino.

 

Que é o máis difícil da súa profesión?
Facer rir. Se eres capaz diso, eres capaz de todo. Admiro aos artistas que son quen de meter a dez mil persoas na man coma se fose unha actuación íntima. Iso fai que sintas o silencio, que a xente está como engaiolada e cando estoupa a gargallada é coma se fosen fogos artificiais.

 

E como se prepara un monólogo para chegar ata ese punto?
Non sei explicarcho. Tes unha idea, desenvóvela, probas e logo introdúcela con público e se vai ben, se incorpora. Lembro a de Amancio Ortega de comprar a débeda de Galicia, cousa que lle fixo gracia, nun momento no que se falaba da independencia de Cataluña e a min, que non son independentista nin moito menos, parecíame irónico. Díxeno na radio, creo que estaba Feijóo diante, e enseguida foi viral.

A7A1005
O actor arousán Carlos Blanco visitou a Redacción de Diario de Arousa | Gonzalo Salgado

Carlos Blanco: “A Laureano Oubiña non lle gustou o meu traballo en Fariña. A min o del tampouco”

Te puede interesar