A Xunta apoia con 15 millóns de euros 120 proxectos de Business Factories Food e Aero

O obxectivo é a consolidación de empresas de nova creación nestes sectores estratéxicos
A Xunta apoia con 15 millóns de euros 120 proxectos de Business Factories Food e Aero
Business Factory Aero é un dos programa que impulsa a Xunta con este investimento | AEC

O Consello da Xunta autorizou recentemente a sinatura de dous novos convenios de colaboración que garantirán a continuidade das aceleradoras Business Factory Food (BFFood) e Business Factory Aero (BFAero) co obxectivo de consolidar empresas de nova creación nos sectores estratéxicos da alimentación e da aeronáutica. 


O proxecto contará cun orzamento global de preto de 15 millóns de euros, que se distribuirán a partes case iguais entre ambas aceleradoras. A través destas iniciativas, prevese o impulso de máis de 120 proxectos innovadores nas fases de incubación, aceleración e consolidación durante o período comprendido entre os anos 2025 e 2027.


O programa Business Factory Food, promovido coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), centrarase no fortalecemento do sector alimentario, impulsando proxectos que desenvolvan solucións innovadoras e disruptivas.


Con esta nova etapa, Business Factory Food seguirá consolidándose como un referente europeo en innovación alimentaria grazas a un investimento total de case 7,4 millóns de euros. O programa estrutúrase en tres fases diferenciadas, que inclúen a incubación, para proxectos en etapa inicial con apoio durante tres meses; a aceleración, para iniciativas máis avanzadas cunha duración de nove meses; e a consolidación, para empresas con alto potencial de crecemento e un seguimento de nove meses.


Nos próximos tres anos, o programa prevé apoiar ata 51 proxectos en incubación, 45 en aceleración e 17 en consolidación, garantindo recursos financeiros, técnicos e formativos que favorezan a súa viabilidade e escalabilidade.

 

51 PROXECTOS prevé apoiar o programa Business Factory Food nos vindeiros tres anos, 45 en aceleración e 17 en consolidación


Pola súa banda, a Business Factory Aero, coordinada pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, continúa o seu labor como aceleradora de referencia no ámbito aeronáutico e aeroespacial. Cun orzamento total de máis de 7,5 millóns de euros, BFAero promoverá o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de vangarda que contribúan a posicionar Galicia como un polo internacional de innovación neste sector.


Os proxectos seleccionados participarán en tres fases anuais: incubación, cunha duración de 12 meses para proxectos que se atopan en etapa inicial; aceleración, con oito meses de apoio intensivo para iniciativas que conten con potencial de crecemento; e consolidación, con seis meses de asesoramento especializado para aquelas empresas que se atopan en fase avanzada. Ao longo das tres edicións previstas, seleccionaranse ata 33 proxectos, que recibirán financiamento, apoio técnico e mentoría para garantir o seu éxito no mercado.

Rede aceleradora


As Business Factory Food e Aero forman parte da rede de aceleradoras impulsada pola Xunta de Galicia, que inclúe outros programas de apoio en sectores estratéxicos como a automoción (BFAuto) ou o medio ambiente (BFClima Tech) e tamén unha aceleradora multisectorial (VíaGalicia). 

 

1.400 EMPREGOS xeran as redes aceleradoras que impulsa a Xunta de Galicia, apoiando a máis de 440 empresas da comunidade galega


Este modelo ten demostrado o seu impacto positivo na economía da comunidade galega, con máis de 250 proxectos innovadores creados, máis de 440 empresas apoiadas e 1.400 postos de traballo cualificados xerados, ademais de contribuír ao incremento tanto da competitividade como da internacionalización dos sectores clave.

 

Logicmelt

 

Generadron

A Xunta apoia con 15 millóns de euros 120 proxectos de Business Factories Food e Aero

Te puede interesar