Expertos en cultura e membros de proxectos participativos analizaron en Boiro o acceso como dereito por parte da cidadanía. O pazo de Goiáns foi a primeira parada das cinco xornadas programadas polo Consello da Cultura Galega para analizar o paradigma no conxunto do territorio galego.
O lugar elixido tamén é simbólico, pois dita construción do século XVIII é actualmente un exemplo de espazo de difusión cultural trala súa recuperación como edificación pública. ‘‘É un exemplo de acceso á cultura, de acceso ao patrimonio’’, explica Alberto García, coordinador desta primeira sesión centrouse na recollida de información mediante a exposición dos proxectos e grupos de debate.
Na inauguración estiveron presentes a coordinadora da comisión do CCG, Paula Cabaleiro; a deputada provincial de Cultura, Natividad González; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; e a concelleira de Cultura, María Outeiral.
Despois deron xa paso ao encontro de análizado que tivo como medidadoras a tres expoñentes da cultura galega: Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Estiveron, ademais do público asistente, responsables de seis proxectos participativos (Castelo Conta, o Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, O Festival Internacional de Outono de Carballo, Escora Danza e Pasabodeghas), así como a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e a Asociación Cultural Barbantia, entre outros.
Fortalecer a produción cultural
A finalidade deste ciclo de reunións é ver se as iniciativas culturais que se desenvolven actualmente en Galicia encaixan coas políticas públicas culturais.
Cos datos deste encontro elaborarase un informe que se presentará no outono xunto ás conclusións extraídas nas vindeiras xuntanzas. A próxima será en Allariz, no 22 de abril.
A concepción xeral a grosso modo, segundo indica Alberto García, é que o papel da veciñanza non se debe limitar unicamente a consumir contido, senón tamén a producilo, algo que, no caso galego, ten unha fonda tradición coa cantidade de asociacións con forte dinamismo. Deste xeito, as Administracións públicas deben exercer como colaboradoras e entidades financiadoras de iniciativas culturais, máis que como parte organizadora.
O Barbanza goza dun tecido cultural amplo e dinámico
As numerosas asociacións corroboran o forte protagonismo do tecido cultural na produción de contidos. Un exemplo na comarca do Barbanza é o Feirón Mariñeiro, cando Rianxo retrocede un século cada xoves das Festas da Guadalupe. Outras entidades senlleiras que non faltaron á cita son a Cofradía da Dorna, de Ribeira, ou a Asociación Cultural Barbantia coa súa Romería das Letras no Barbanza.