J. Ramón Girón (A Creba) | “A nosa meta é que a persoa cunha enfermidade mental volva ser feliz”

José Ramón Girón que se financia A Creba, unha asociación declarada como de utilidade pública e que leva axudando a persoas con enfermidades mentais desde os anos 90. Pese ás dificultades, asegura ver melloras no tratamento da saúde mental, da que hoxe falamos.

 

A Creba empezou a súa actividade nos 90. Nota unha evolución no tratamento cara a saúde mental?
A saúde mental está de moda. É un problema que afecta a moitísima xente e polo momento a solución que se lle quere dar é farmacolóxica, co cal estamos falando dun volume de negocio enorme. O que máis cambiou é que as xeracións máis novas perderon o medo de falar do asunto. Hai uns anos dicir “estou deprimido” era un signo de debilidade, sobre todo nos homes. A partir da pandemia deixou de ser un tabú e fálase ata nos parlamentos de saúde mental. Iso é importantísimo para empezar a tratar o problema porque, ademais, no noso colectivo o risco de suicidio é moi alto.

 

Pero hai os medios suficientes para atender a demanda?
Nunca vai haber os medios suficientes. Se os expertos teñen razón, unha de cada catro persoas vai ter un transtorno mental e iso é inabordable. Gústame moito unha frase dos xenetistas que di que o que mellor vai predicir a túa saúde non é o teu código xenético senón o teu código postal, porque está en relación coas condicións nas que che toca vivir, desenvolverte, traballar...

 

Que tipo de intervencións fan en A Creba para mellorar a calidade de vida destas persoas?
Hai un grupo de traballo ligado á rehabilitación e outro ligado á parte psicosocial, de integración, búsqueda de traballo, etc. Na rehabilitación céntranse en recuperar habilidades perdidas e de socialización, porque normalmente son persoas que viven nun mundo moi pechado, que pasaron por un ou varios ingresos en hospitais psiquiátricos, con memorias algunhas delas horrorosas... e hai que ir recompoñendo iso. Fóra diso hai outras persoas que necesitan un apoio para integrarse de novo, coa familia, por exemplo, ou de volver a desfrutar de algo. Son tarefas lentísimas de moitos anos de traballo.

 

É diferente a intervención que se fai dependendo da enfermidade mental que se trate?
Si. Porque dependendo do diagnóstico, o tratamento ó que están sometidos é radicalmente distinto. O grupo máis severo, que son as enfermidades psicóticas, está nun réxime de pastillas enorme, de entre 8 a 18 pastillas ó día. E moitas delas producen efectos secundarios como tremores, cámbialles a expresión da cara... Entón cada persoa é diferente, tamén dependendo de se ten unha familia que o apoia ou non. Por iso nós tamén formamos ás familias, para que non suceda o que chamamos “creba de coidados”, cando as familias acaban o depósito de paciencia. Porque iso é un trampolín directo á exclusión social. O noso recurso máis importante e caro para traballar en todo isto son as persoas.

 

E como se financia A Creba?
Con moita imaxinación! Do Sergas recibimos uns 300 euros. Entón, buscamos subvencións no departamento de Política Social, porque ten moito que ver coa discapacidade. Por outro lado, en Traballo. E logo, concellos, deputacións, fundacións, a través do IRPF... Temos unha tenda en Noia... organizamos feiras... o que se nos ocorra.

 

Cal é o procedemento para solicitar a súa axuda?
Hai dúas vías. No caso de rehabilitación é por derivación das unidades de saúde mental. Ás veces, poucas, veñen familias directamente a pedir información, porque o sistema público está saturado e non atopan a que porta chamar. Na parte de reintegración social, son claves as traballadoras sociais dos concellos, que son as que nos contactan.

 

Ademais dun centro en Ribeira e outro en Noia, teñen catro pisos tutelados. Como se decide quen pode facer uso destes pisos?
Veñen derivados directamente do psiquiátrico. Son persoas que necesitan unha alternativa de residencia porque non teñen amortiguación familiar nin social. E por outro lado tampouco están en condicións dunha vida autónoma. Entón necesitan un sitio cun nivel de supervisión alto.

 

E canto tempo poden estar neses pisos?
Anos. De feito, nalgún caso pasou directamente de estar 20 anos nun piso a un xeriátrico, porque hai unha limitación de idade. Agora temos 20 prazas en cinco vivendas, con catro persoas en cada unha. E cun mecanismo de supervisión de 24 horas, 365 días ó ano.  

WhatsApp Image 2024 05 29 at 18.42.15 (3)
Participantes no xantar de confraternidade de A Creba polo seu trinta aniversario

De todas as enfermidades mentais que abordan en A Creba, a esquizofrenia é a maioritaria. Sigue habendo falsas crenzas de que son persoas violentas, perigosas?
Sobre a enfermidade mental hai un estigma antiquísimo pero iso é o que está evolucionando mellor, porque é o que permite que a xente empece a falar. Eu faría un chamamento a que os pais e nais, que saben perfectamente cando hai problemas que poden ser graves, non os escondan e que busquen axuda o antes posible. Para nós a meta é que as persoas cunha enfermidade mental volvan ter un horizonte vital e a ser felices, na medida que este mundo che deixe ser feliz. 

J. Ramón Girón (A Creba) | “A nosa meta é que a persoa cunha enfermidade mental volva ser feliz”

Te puede interesar