Carlos Alfonso (Danzantes de Cobas) | “Que a xente pregunte nas procesións: ‘Vén a Danza?’ Para nós é un orgullo”

Carlos Alfonso é o presidente dos Danzantes de Cobas, un colectivo que é máis que unha entidade cultural, pois custodia un ben de gran valor: Unha danza, non se sabe se do século XV ou anterior, que xa pasou polo olvido para rexurdir. Hoxe fálanos, con emoción e moito cariño, da súa Danza dos Arcos de Cobas.

 

Como describiría esta danza, para quen nunca a teña visto?
É unha danza única. Que nós saibamos só se conserva na parroquia de Cobas, en Meaño. Podémola catalogar como unha danza branca. Pero non a típica danza branca de espadas como a que hai en Catoira ou en Cariño... Os bailes son distintos, usamos castañolas, arcos... E para os que nunca a viran recoméndolles que se acheguen a algún sitio onde actuemos ou que vexan videos, que os hai en YouTube.

 

A orixe está no século XV, non si? 
Nós consideramos que pode ser do Renacemento, do século XV,  aínda que temos datos que apuntan a incluso o século III d.C. Teño  aquí un artigo escrito no 1897, que apareceu en El Eco de Galicia, de Bos Aires, onde fala dela e di que data “del siglo tercero después de Jesucristo”.

 

Daquela é máis antiga do que se cre...
Bueno... nós tamén queremos darlle un certo enigma, sabes? Crear un halo de misterio.

"Temos documentos nos que se di que a Danza dos Arcos podería ser do século III d.C., pero queremos darlle certo enigma"

 

Despois, sobre o 1975 esta danza perdeuse. Por que?
Por falta de persoas que fixeran o baile. Houbo uns anos que estivo perdida pero xuntámonos un grupo de veciños de Cobas e facían falta como mínimo nove persoas para realizala. Tivemos a grande sorte de contar con Xosé Pazos Naveiro, que morreu con 103 anos e con 88 aínda chegou a dirixir a Danza de Arcos. Este señor, xa de pequeno, recordaba ter bailado a danza. Entón dixemos: e se falamos con señor José e nos ensina? Mira, foi coma se estivese esperando que alguén lle chamase á porta para volver a recordar e facer a danza. Marchamos para a eira da súa casa e alí,  cun radiocassette, empezamos. El aprendeunos todos os pasos.

 

E el acordábase perfectamente...
Non é só que se acordase, é que eu teño visto videos del e, coa súa idade, non bailaba, flotaba. Parecía unha pluma. E os xestos... parecía que a danza fora feita para el e el para a danza. E aí fómola retomando e dende o ano 75, ininterrumpidamente.

 

Por que só a bailan homes?
Era unha danza relixiosa e naquel momento a Igrexa tiña certas prohibicións cara as mulleres. Aínda que no seu momento bailaron mulleres tamén. Nos anos 80, como non había homes suficientes para seguir coa danza, entraron mulleres, unha delas miña irmá. Despois casaron e foron deixando. Actualmente estamos intentando meter no grupo mulleres, pero non sei por que, teñen algo máis de reticencia. De feito teño unha filla e unha sobriña que querían vir ensaiar con nós, pero no momento de ir... non se animan.

 

Que é o máis difícil deste baile?
Nada. Se a bailo eu! (ri) Pero non son os pasos típicos da muiñeira. Hai uns anos viñeron uns rapaces e só con tres ensaios empezaron a bailar.

 

Entón os que levan moitos anos xa non ensaian, ou si?
Si, si! Por suposto que si! Antes de saír bailar sempre facemos uns cantos ensaios para recordar os pasos e para estar xuntos.

 

Danzantes de Cobas
Os Danzantes, con Carlos Alfonso no centro, durante unha recente actuación na comarca | Mónica Ferreirós

 

E onde se lles pode ver?
Por exemplo na Virxe da Lanzada, na Virxe da Pastora en Cambados, San Roque en Cambados, a Valvanera... Hai unhas semanas estivemos no Carme de Cambados, no Carme de Ribadumia... O 8  de setembro iremos a Caión...

 

Pero tamén actúan en vodas...
Si, de feito tivemos unha voda hai pouco en Fefiñáns e teremos outra o 30 de agosto.

 

Na descripción de Facebook pon que os requisitos para entrar son “ser amantes das nécoras e do albariño e despois é cando se baila” Algún outro requisito para entrar?
O das nécoras é a primeira parte (ri). Pero requisitos ningún. E nós non cobramos cuota por vir bailar, nunca o fixemos. Todo é gratuito. A nosa intención é que esta danza non se perda, porque é única e é cultura nosa. Agora, cando saímos bailar por aí, non o facemos gratis, porque temos un desprazamento, a roupa...

 

Hai canteira para seguir?
De momento si, pero queremos buscar máis. Os máis novos andan arredor de vinteoito, trinta anos... E desde aquí fago un chamamento para quen queira formar parte da Danza de Arcos de Cobas, que se poña en contacto connosco e iso, nécoras e albariño (ri). Isto último é broma.

 

Que significa para vostedes cando saen a representar esta danza?
Para nós é un orgullo porque estamos representando á parroquia de Cobas. E que cando acabemos a xente diga “que marabilla, que ben o facedes”, que che aplaudan... Que vaian a unha procesión e pregunten “vén a Danza?” porque é como se lle faltase algo a esa procesión se non estamos... E a xente que nos ve por primeira vez, míraslle para as caras e din “eu isto nunca o vin”. Na Festa do Albariño os rapaces saían o sábado e o domingo ás dez estaban alí todos vestidos para bailar. E a xente queda desde a noite para mirarnos pasar, cando podían estar na súa casa, e están esperando e dicindo: “Vivan os Danzantes!”. Todo isto, a parte de ser un orgullo, énchete. 

Carlos Alfonso (Danzantes de Cobas) | “Que a xente pregunte nas procesións: ‘Vén a Danza?’ Para nós é un orgullo”

Te puede interesar