A Fundación Plácido Castro vén de conseguir a anulación da condena franquista que “truncou a vida” do tradutor e escritor. O ministro de Presidencia e Memoria Democrática, Félix Bolaños, acaba de ditar unha resolución pola que declara “ilegal e ilexítimo” o tribunal que xulgou ao muxián, declarando igualmente “ilexítima e nula” a condena que lle foi imposta en 1940 polo tribunal rexional de responsabilidades políticas, nada menos que 15 anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a máis de 100 kilometros da súa vila natal e 25.000 pesetas de multa. A sentenza sinalaba que o motivo era a “súa intensidade e pola eficiencia da súa actuación a favor do galeguismo”.
A Fundación traballa dende hai anos na posta en valor da obra de Castro e polo seu recoñecemento como figura clave do galeguismo, pero tamén levaba tempo querendo conseguir a anulación desta condena para “obter a reparación moral e a recuperación da dignificación da súa memoria persoal e familiar”. Así, a entidade e a propia familia do tamén xornalista, empezando pola presidenta, Susi Castro, celebrou con emoción esta nova, quen “por fin, fai xustiza” a que “fora condenado no seu día por motivos exclusivamente políticos”.
O director da entidade, Xulio Ríos, salientou que esta declaración foi posible con “este goberno en España”, así como a importancia de poñer fin ás consecuencias da ditadura franquista tamén a través de mecanismos simbólicos e reparadores como este, que “son expresión dun procesión necesario de normalización democráctica”. Cabe recordar que esta anulación fíxose baixo o amparo da recente aprobación da Lei de Memoria Democrática.
Castro formou parte da comisión executiva do Partido Galeguista dende a súa fundación e ata o final, e moitos son os episodios e esforzos feitos para procurar a dignificación de Galicia a través dun nacionalismo universalista. Non obstante, destacan algúns como que representou ao partido no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en 1933 en Berna, onde se recoñeceu a Galicia como nación.
Ríos explicou no seu día que teñen a “sospeita” de que a familia puido negociar os términos da súa condena tendo en conta a súa elevada posición económica e social, experiencias similares coñecidas e o sucedido con iguais como Bóveda, que foi asasinado. Dende logo, “el tiña medo pola súa vida nos primeros momentos do Golpe”, engadía.
Tras ser condenado, o tradutror iniciou un camiño cara ao exilio físico e anímico. A familia marchou primeiro a Vigo, logo a Portugal e finalmente a Gran Bretaña e dende asociación explicaban que “tivo que pesarlle moito ser responsable” de que a súa situación tivera efectos “tran destrutivos para o conxunto da súa familia”, pois Plácido Castro non puido dar continuidade ao legado familiar; estaba chamado a ser o sucesor do seu pai, un próspero industrial, e iso afectou a todos os seus parentes.
O muxián estaba moi vinculado á comarca do Salnés. Residiu en Cambados e, de feito, alí faleceu e está enterrado no seu cemiterio e o Concello o nomeou Fillo Adoptivo en 2017. Por outra parte, traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía.