Ribadumia inaugurou a exposición “Palabra e Memoria”, coa que se busca visibilizar e poñer en valor o uso do galego nos cemiterios da localidade. Trátase dunha mostra que xorde dun proxecto nacido no IES Perdouro de Bucela, que co paso do tempo foise extendendo por toda Galicia. No caso de Ribadumia, a investigación estivo liderada por Ana Belén Vázquez Pardal.
O acto contou coa presenza do alcalde, David Castro, que descubriu unha placa conmemorativa no cemiterio municipal como homenaxe á importancia de preservar e valorar a lingua galega en todos os ámbitos: “A lingua é parte do noso legado. Na memoria de todas as persoas que a manteñen viva. Onte, hoxe e sempre”. Obxectivo dunha mostra que anima á veciñanza a reflexionar sobre o papel da memoria e a identidade colectiva. Segundo a investigación levada a cabo por Vázquez, o galego fixo a súa aparición nos comiterios ribadumienses en 1991. Así, de máis de mil familias (1110 panteóns e sepulturas), un total de 32 puxeron inscricións en idioma galego (2’9%).
Durante a investigación tamén se deduciu que se aprecian máis lápidas en galego nas parroquias de Leiro e Ribadumia, nas que foi sacerdote Dositeo Valiñas, que usaba a lingua regularmente. Así mesmo, a nivel autonómico si se aprecia un cambio de tendencia debido, fundamentalmente, ao cambio xeracional. “As primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes”. A información dispoñible deste proxecto está publicada e pode consultarse no Consello da Cultura Galega.
No caso da exposición, permanecerá aberta ao público durante todo o mes de febreiro no Auditorio municipal de Ribadumia.