Sergio Cañón é membro da directiva da asociación Polari, que defende a diversidade na sociedade, no tocante ós dereitos do colectivo LGTBIQ+ pero tamén doutros sectores sociais. Hoxe fala con nós disto e moito máis.
Que é Polari e por que nace?
Polari é unha é unha organización comprometida cos dereitos LGTBI pero tamén con todas esas persoas que, sobre todo nos contextos rurais, se viron marxinadas socialmente. Nace no 2023 con motivo da celebración do primeiro Orgullo na Illa de Arousa. A partir de aí decidiuse que iso non podía quedar só nunha semana e que había que facer un activismo interdisciplinario todo o ano.
E o nome de onde vén?
Tomámolo dunha lingua que se inventou nos anos 30 e popularizouse nos 50-60 por un programa da BBC. Ata entón era utilizada sobre todo por persoas do colectivo LGTBI, para poder comunicarse nun momento no que a homosexualidade estaba moi perseguida. Cando se comezou a popularizar foi o dedeclive da lingua. Pareceunos un nome bastante subversivo para a asociación.
Neste ano de vida, que foi o máis reconfortante e o máis complexo?
Reconfortantes hai moitas cousas, e complicadas tamén (ri). Á vez que difícil e reconfortante foi un Café-Polari que organizamos, ó que veu un rapaz que había poucos meses sufrira unha agresión homófoba, e atreveuse a falar. Nós démoslle acompañamento varios meses, porque moitas veces o que necesitan estas persoas é que lles quites certa carga de culpa, porque pensan: “se non fora así...” Nós intentamos quitar esa culpa e actuar na medida na que poidamos.
"Moitas veces as persoas que sofren agresións homófobas necesitan que lles quites certa carga de culpa"
Supoño que o máis complicado terá que ver con iso, cos recursos...
Si. Aínda así hai que dicir que temos unha acollida moi boa na Illa de Arousa, quitando algún caso dalgún comentario que non queres escoitar. Nós restámoslle importancia e intentamos sempre facer un activismo en positivo. Aqui estamos para toda a sociedade, sexa LGTBI ou non.
Organizaron ese primeiro Orgullo na Illa, “Orghullo Mar e Cons”. Como foi a acollida?
Foi un proxecto que dixen: “eu quero participar nisto”. En certo modo, porque eu sempre o tiven bastante fácil, entre comillas. Penso en xente que sufriu bullying, terror nas súas casas... e como eu todo iso non o sufrín, tiña a necesidade de poñerme a andar con esta organización. Nun momento no que se estaban a retirar bandeiras LGTBI de Concellos, un grupo de xente de A Illa decidiu que había que organizar o primeiro Orgullo.
Xa que me comenta o da retirada das bandeiras... Cre que se está retrocedendo neste sentido?
Si, estano dicindo todos os indicadores, sobre todo dende a Unión Europea. O auxe de delictos de odio estase dando. Tamén ten moito que ver con como está cambiando o propio colectivo LGTBI. Nós tamén facemos un activismo bastante crítico. Por exemplo, o feminismo chegou para ensinarnos moitas cousas sobre consentimento. Pero ese consentimento nas prácticas homosexuais parece que, moitas veces, non vai con nós. Entón tamén se pode estar perpetuando a homofobia dentro do propio colectivo, onde tamén hai bastante bifobia e transfobia. E si, hai un auxe nacional populista de extrema dereita ó que hai que estar atentos e actuar na medida do posible.
E como se pode actuar?
Nós intentamos concienciar ós máis pequenos, porque moitas veces no activismo non se lles adica atención. Hai unhas semanas inaugurouse na Biblioteca Municipal o Espazo Polari, onde hai libros para nenos. Temos autoras como Virgina Woolf, Teresa Moure, Susana López Penedo, Alana S. Portero, Xosé Manuel Buxán... e vaise seguir ampliando. Tamén, no Orgullo houbo un contacontos durante tres mañás, os nenos fixeron as pancartas que se levaron na manifestación... Hai que educar, actuar nos sectores culturais e atender a quen teña un problema.
E acoden tamén ós institutos?
Si. Fomos dar unha charla ó grupo de 3º da ESO. Falamos de termos como queer, LGTBI... E fixemos un xogo cun balón que tiñan que ir pasando e o que o tivese tiña que dicir algo que crera que é LGTBI-fobia. Saen cousas moi interesantes. Un que me chamou a atención foi dunha rapaza que dixo que cría que non estaba de máis preguntarlles ás persoas trans que pronome queren que utilicemos con elas. E é absolutamente acertado.
Falou do termo “queer”. Pode explicarnos que significa?
Queer vén do alemán e significa literalmente “raro” ou “estraño”. Os movementos LGTBI dos Estados Unidos reapropiáronse dela nos momentos nos que se estaba sufrindo moito polo SIDA. A palabra “queer” nace dunha ferida. Utilizábase para denostar. Agora trascende ó propio colectivo LGTBI e intenta incluir a todas as persoas marxinadas socialmente.
Que proxectos de futuro teñen?
Encantaríanos ter un espazo propio para recibir á xente, gardar o material... E continuar con todo o que puxemos en marcha. Sobre todo, ser moi críticos con quen quere unha especie de conformismo ou facer disto unha bandeira exclusivamente. Nós non estamos aqui para sacar ningún rédito. Facémolo porque isto vainos na vida, porque Polari é un proxecto para a vida. Non vai contra ninguén, vai para a felicidade e saúde de todo o mundo e promover a diversidade e a igualdade na sociedade.