Francisco Charlín (Amigos de Valle-Inclán) | “Valle estaría escandalizado co poderío que ten hoxe o capital financeiro”

Francisco Javier Charlín leva 25 anos vencellado a Amigos de Valle-Inclán. Ademais de membro da directiva é director da revista “Cuadrante” e tamén unha fonte inesgotable de coñecemento sobre este histórico colectivo.

 

Despois de 25 anos, aínda quedan cousas por descubrir de Valle? 
Si. Hai moitas cousas novas, cada vez facemos máis actividades.

 

Como xorde a asociación? 
Amigos de Valle-Inclán ten un precedente con tal nome en 1920, en Madrid. En 1932, tamén en Madrid, creouse outra asociación de Amigos de Valle-Inclán, co obxectivo de editar as sonatas. Valle estaba atravesando un mal momento económico e querían axudalo. E xa en 1999 naceu en Vilanova de Arousa por terceira vez.

 

Cal era o obxectivo nese 1999?
Recuperar un pouco a súa figura, porque estaba un tanto abandonada. Tamén naquel momento A Pobra do Caramiñal estaba reivindicando que se lle recoñecese como vila natal de Valle. Incluso cunha falsidade como a que presentou Gerardo Pardo de Vera, que dicía que tiña unha carta na que a nai de Valle dicía que o neno nacera na Pobra pero que tivera que escapar fuxindo da sogra. Esa carta non existe. A asociación nace nese contexto, para chamar a atención e que se convertise a Casa do Cuadrante, que estaba nese momento en ruínas, en museo. E tamén para crear unha publicación, a revista “Cuadrante”, para dar a coñecer materiais documentais onde se di que Valle nacera e pasara os seus primeiros anos en Vilanova.

 

"A Pobra tivo que recoñecer que a vila natal de Valle era Vilanova de Arousa, porque estaban a facer o ridículo"

 

Supoño que este obxectivo está conseguido xa.
Iso quedou conseguido no ano 2001, cando Xosé Luis Axeitos descubriu que Murguía tiña vinte e tantas cartas de correspondencia co pai de Valle. E nunha desas escribe dende A Pobra, 22 días despois de ter nacido Valle-Inclán, e di: “Habiendo tenido que pasar muchos días en Villanueva, con motivo de haber parido allí mi esposa”. A Pobra tivo que recoñecelo oficialmente porque estaban facendo o ridículo.

 

E como evolucionou cos anos?
Na primeira década “Cuadrante” tiña este obxectivo que mencionei antes, pero na segunda década, na que asumo eu a dirección, ábrese a escritores, investigadores... E nesta terceira fase, desde 2020, é completamente diferente, porque ata agora todo xiraba entorno á revista pero xa está tamén o Festivalle.

 

Cóntenos un pouco do Festivalle.
Este ano foi a terceira edición. É unha semana na que, pola mañá, hai un curso de verán no que hai ponencias que acaban sendo publicadas na revista. E, pola tarde, representan obras de Valle a crema da crema do teatro español: El Brujo é a terceira vez que vén; Pedro Casablanc veu o ano pasado... Tamén se constituíu o premio Mari Gaila, que se otorgou a El Brujo.

 

E teñen feito rutas literarias, non?
Si. Fixeramos hai 20 anos unha en colaboración coa Consellería de Cultura, na que se facía un intercambio con escritores portugueses. Hai dez anos organizaramos dous roteiros con máis de cen profesores de Secundaria polo Salnés de Valle-Inclán. E na actualidade, cando se celebra o Festivalle, en colaboración co Concello, Fátima Rey fai un itinerario no que as persoas que o desexen fan un percorrido polo casco urbán de Vilanova e as edificacións que teñen relación coa vida de Valle.

 

Tamén están na Semana da Cultura...
Si. É algo que organiza o Concello de Vilanova pero nos últimos catro anos, coa presidencia de Paz Gago, Amigos de Valle colabora moitísimo e enche de contido a parte académica.

 

Amigos de Valle Inclan 2024, directiva
A directiva desta asociación, nunha imaxe recente, con Francisco Charlín (segundo pola dereita) | cedida

 

Xa falando máis de Valle a nivel persoal, que lle gustaría que se coñecese del?
O problema de Valle-Inclán é que ten unha biografía moi lexendaria, chea de inventos, moitos feitos por el mesmo. O noso obxectivo é separar a biografía real da lexendaria. Onde máis pretendemos traballar é nas etapas galegas, nos vintedous primeiros anos de vida, que son moi importantes, e nas raíces familiares, que son tamén moi relevantes na súa personalidade e teñen gran reflexo literario. Hai uha figura, a do pai, que foi un intelectual e foi moi importante.

 

Fálase de que tiña un carácter complicado. É así?
Si, en ocasións. Pero penso que  era unha persoa tímida e que era unha pantalla. El poñía esa máscara para relacionarse cos demais porque creou un personaxe consigo mesmo. Despois está o Valle íntimo, que é tranquilo, reservado, moi familiar.

 

Ten algunha obra favorita del?
É dificilísimo porque ten moitas obras mestras. A min, como somos de aquí, encántame “Romance de Lobos”, que é unha das tres Comedias Bárbaras, que se ambientan aquí na Ría de Arousa.

 

Que cre que opinaría Valle do mundo de hoxe en día?
El tiña unha ética e unha moral bastante íntegras. Rexeitaba fundamentalmente o liberalismo burgués, sempre en contra da ideoloxía monetarista. Hoxe estaría escandalizado co poderío que ten o capital financeiro, imaxino.

 

Que lle gustaría preguntarlle?
Moitas cousas da súa infancia,  que non quedaron rexistradas.

 

E que lles queda por facer?
Estamos nunha época moi ilusionante. Hai que desenvolver o Festivalle para que teña a mesma categoría de Almagro ou Mérida.  E precisamos apoio institucional. 

Francisco Charlín (Amigos de Valle-Inclán) | “Valle estaría escandalizado co poderío que ten hoxe o capital financeiro”

Te puede interesar