Pablo Vigo (BUMM) | “Non somos nin tan bos cando gañamos, nin tan malos cando perdemos”

Pablo Vigo é membro da directiva da Banda Unión Musical de Meaño, ademais de saxofonista na mesma e profesor na Escola de Música Municipal. Hoxe fálanos da BUMM e dos valores que aporta estar nun colectivo como así.

 

Canta xente conforma a Banda? 
A Banda Unión Musical de Meaño é unha asociación que engloba diferentes agrupacións. A principal é máis recoñecida é a banda, na que somos sobre 100 compoñentes. Aparte, temos unha banda xuvenil, na que hai sobre 50 compoñentes e unha infantil, cuns 45 ou 50. E, ademais, o ano pasado impulsamos un proxecto que é a banda sénior, para incentivar que xente que empezou máis tarde na música ou pertenceu no seu momento á banda, poida achegarse dunha forma máis relaxada. Aí rondamos os 15 compoñentes. Desde aquí convidamos a todos os que se queiran unir.

 

Canteira non falta. A que atribúe esta paixón que hai en Meaño pola Banda e pola música?
A Escola de Música sempre está en máximos, todos os anos queda alumnado fóra por límite de prazas. Creo que é porque case todas as familias de Meaño teñen ou tiveron un músico na Banda, e no pobo está moi recoñecida e é moi apreciada. Cando tocamos en calquera parroquia, notamos un cariño moi especial. Ademais, hai familias dos concellos limítrofes que traen os fillos á nosa Escola de Música, porque é de referencia.

 

Por que? Que ten de diferente con respecto a outras?
Eu formo parte da Escola como profesor e desde que o Concello asumiu a súa xestión, apostou por unha formación de calidade. Daquela non era tan habitual que houbese profesores de todas as especialidades, unha hora de formación individual para cada rapaz... E unha formación moi extensa a nivel colectivo. Tamén o corpo de mestres sempre se implicou e tirou moito polos rapaces, así como os diferentes directores.


Como conseguen inculcar o compromiso co colectivo?
Agora mesmo é complicado por todos os estímulos externos que hai. Hai uns anos, se querías ver ós teus amigos, ir tocar era unha maneira de estar con eles. Agora, coas novas tecnoloxías podes estar en contacto sen estar presencialmente. Pero as bandas, non só a de Meaño, teñen esa aura de familia e os maiores acaban dando ese exemplo do importante que é para o colectivo esa responsabilidade individual. En Meaño hai un compromiso moi alto porque, ó final, se estás nun sitio no que te sentes ben tanto no musical como no persoal, queres estar.

 

A Banda ten un palmarés enorme de premios nacionais e internacionais. Cal é o segredo?
Non somos nin tan bos cando gañamos, nin tan malos cando perdemos. En Galicia en xeral hai un nivel bandístico moi alto e tivemos a sorte de ir competir fóra e conseguir premios moi importantes. O primeiro que deu un pouco a fama foi o de Kerkrade, en Holanda, que lle chaman o mundial das bandas. No 2013 gañamos a nosa sección e o Timbal de Ouro, porque fomos a banda con maior puntuación de entre as 100 que competían. Foi o único certame que gañamos con David Fiúza, ata aí a Banda de Meaño era sempre a eterna segunda. Despois diso fomos ó Flicorno d’Oro en Italia e gañamos outra vez, recentemente en Aranda de Duero...

 

Cambia algo para vostedes gañar eses premios tan importantes?
Non. Porque canto máis gañas, máis cerca estás de volver perder. Pero cada vez que te presentas a outro certame tes unha presión engadida maior porque din: “esta banda vén de gañar aquí, a ver o que fan agora, de verdade son tan bos?”.

Banda Unión Musical Meaño
A Banda Unión Musical de Meaño recibe o aplauso do público nunha das súas actuacións | Cedida

En que están traballando agora?
No concerto de Santa Icía, que faremos a principios de decembro. E, por outro lado, a banda xuvenil está cun proxecto moi bonito porque vai participar no Certame Galego de Bandas en outubro. Van cun director tamén criado na casa, Antón, aínda que sempre está D

iego Lorente (director da Banda principal) por detrás botando unha man.

 

Como se prepara un certame destas características

?
A banda xuvenil empezou a comezos de verán e agora está ensaiando catro ou cinco días á semana. A banda grande adoitamos empezar catro ou cinco meses antes a preparalo.

 

Como viven o Festival de Bandas de Meaño? É dos máis importantes de Galicia...
Para nós é a data máis importante do ano. Máis incluso ca un certame. É o festival de bandas máis antigo de Galicia e toda a banda vólcase un montón nel, non só no musical. Todos os músicos van a empresas a pedir colaboración, van limpar, montar o palco... É a posta de longo, ademais do día no que os músicos novos entran na banda.

 

Cal é o principal reto da Banda?


Temos retos artísticos, como intentar superarse cada vez, pero tamén retos sociais, que hai que coidar igual. Manter unha masa social, que os músicos teñan un ambiente no que estean cómodos, facer outro tipo de actividades aparte das musicais...

 


Para min é básico formar parte dun colectivo, sexa deportivo, cultural... Porque che dá ese sentido da responsabilidade. Se non cumpres, prexudicas ó colectivo. E os valores que che aporta valen para calquera ámbito da vida. É todo positivo. Igual che quita un día de saír, pero non o botas en falta. Botas en falta o día que non tes ensaio. 

Pablo Vigo (BUMM) | “Non somos nin tan bos cando gañamos, nin tan malos cando perdemos”

Te puede interesar