Silvia Fernández (O Batuqueiro) | “A muller e as necesidades dos veciños son os nosos piares fundamentais”

Nunha época na que é difícil atopar relevo, Silvia Fernández tivo claro hai un ano que collería o de O Batuqueiro porque “a asociación non podía deixar de medrar.” Hoxe revisa con nós a historia do colectivo.

 

O Batuqueiro naceu en 2012 con 16 veciños para evitar a instalación dunha estación de alta tensión na parroquia de Vilariño. Como se pasa de aí a facer unha asociación cultural? 
Con ese nacemento veuse que a parroquia necesitaba un pouquiño de pulo. A parte diso, no rural non adoita haber moitas actividades e quíxose facer fincapé no papel da muller. De feito, a maioría das que participan nas actividades son mulleres. Vanse animando tamén os homes, pero pouco a pouco.

 

A instalación da estación de alta tensión quedou polo momento en ‘stand by’. Cre que foi pola presión veciñal? 
Totalmente. Parouse grazas ó nacemento da asociación. De feito, houbo que buscar avogados e ir a un contencioso. Gracias a iso e unha serie de reunións co conselleiro, conseguiuse paralizar.

 

As actividades para os maiores son unha parte moi importante e en moitos casos, esquecida polas administracións

 

Teñen medo de que volva de novo a intentar instalarse? 
O medo segue existindo porque non hai moito houbo outros movementos para poñer outras torres de tensión noutras zonas. E aí estivemos, axudando ós veciños para que iso non pasase. 


A asociación compaxina as demandas veciñais con actividades culturais. Cal é a principal necesidade na zona nestes momentos?
As actividades para os maiores. Levamos oito anos con cursos de memoria, manualidades... Eu creo que iso é unha parte moi importante e, en moitos casos, esquecida por parte das administracións. Aí o papel da asociación é importante.

 

Das actividades que se fan en O Batuqueiro, cal destacaría?
Os cursos para as mulleres,  de pilates, ximnasia de mantemento, cociña... Triunfan sempre. Logo, as actividades dos maiores, foi quizais para nós o logro que máis sentimos, pese a que a pandemia nos deu un parón importante. Tamén temos clases de informática, que é algo imprescindible no rural, principalmente para a xente maior. E xa en tema cultural, a creación da festa do Magosto foi un triunfo que vai medrando e cada vez ten máis adeptos.

 

Tiñan medo os maiores despois da pandemia de volver estar con xente?
Si. Houbo que quitalos dese medo e que volvesen socializar, que é algo moi importante no rural. Ademais, moitos dos profesores que tiñamos tiveron que adicarse a outras cousas. Foi un pouco difícil buscar novos profes e conseguir prezos que a xente maior se puidese permitir.

 

O Batuqueiro Cambados
Integrantes da asociación, coa súa presidenta, Silvia Fernández, no centro en primeira fila | Mónica Ferreirós

 

Son os maiores os máis agradecidos?
Si. Eu empecei facendo talleres de memoria con eles; iso é moi xeneroso e eles son moi xenerosos.

 

Supuxo un punto de inflexión para a asociación ter sede propia?
Si, porque compartir a casa da cultura con outras asociacións era un pouco complexo. E a medida que iamos conseguindo material era difícil porque había que  quitalo e poñelo cada vez que o usabamos. Ter o noso propio local onde poder gardar todo e que mesmo as señoras de ximnasia poidan telo case como a súa casa e deixar alí as súas cousas, é máis cómodo.

 

Refírense ós seus socios como ‘familias’ porque aínda que só un membro pague a cota, todos poden participar nas actividades. Isto é sostible economicamente?
O Batuqueiro ten agora unhas 170 unidades familiares. Sempre se veu así e seguiuse mantendo dese xeito. É un pouco máis difícil mantelo? Quizais si. Pero tampouco é imposible. Intentamos coller todas as subvencións que podemos, porque, se non, sae todo do peto da xente e da asociación. Pero o importante é manterse, coller máis socios e facer máis actividades.

 

Leva só un ano como presidenta. Que a levou a dar ese paso?
Cando eu cheguei á asociación, o presidente, Pepe, veu buscarme para que lles botara un cable, e eu encantada. Pero el deu un paso ó lado e alguén tiña que manterse. E por que non unha muller? Xa que representamos a unha gran parte das mulleres de Vilariño. Non se podía deixar que a asociación parase de medrar.

 

Que balance fai deste ano?
Bastante bó. Ó atoparme sen a figura de Pepe, que foi imprescindible e ó que lle agradezo todo o traballo que fai, pois estou con máis responsabilidades,  pero con ganas.

 

Que diferencia a O Batuqueiro dou­tras asociacións culturais?
Nós vemos a asociación con outra perspectiva. Festa si, obviamente. Actividades culturais, tamén. Pero  enfocámonos moitísimo nas necesidades dos veciños da parroquia. E a muller. Son os dous piares fundamentais.

 

Supoño que ten moitos proxectos en mente pero, se só puidera elixir un, cal sería?
Gustaríame mellorar o local para os maiores e conseguir que non tivesen que facer fronte ós gastos de ter os monitores, porque cantas máis actividades teñan, o gasto increméntase. É unha pelexa máis persoal que outra cousa: Que teñan monitores financiados e que o custe para os maiores se reduza o máximo posible. 

Silvia Fernández (O Batuqueiro) | “A muller e as necesidades dos veciños son os nosos piares fundamentais”

Te puede interesar