A asociación O Castro, de Baión (Vilanova) cumpre 34 anos de vida neste 2024. Todos eles con Pepe Sabarís á fronte como presidente. Hoxe fala con nós para facer balance, acompañado tamén da vicepresidenta, Alicia Porto.
Pepe, seica ten gana xa de retirarse. Que pasa que costa tanto atopar relevo?
Agora mesmo estamos en funcións. Hai tres anos houbo tres asembleas extraordinarias para elixir presidente e directiva e non se presentou ninguén. A asociación é un pouco filla nosa e queremos que siga adiante, aínda a costa do noso sacrificio. A finais de novembro tivemos asemblea pero tampouco se presentou ninguén. Pero da outra vez seguimos e desta xa, son 34 anos, estamos moi cansos e teñen que mellorar moito as cousas para que sigamos.
Por que? Que problema hai para continuar?
O cansazo. Nós sempre tivemos unha ilusión e ambición tremendas por marcar unhas metas moi arriba. Pero os anos van pasando para a asociación e para nós. O ano pasado déronnos o Premio Galicia de Voluntariado e os obxectivos xerais case están xa cumpridos. Agora o que hai é que manter o que está feito. Nós tiñamos pensado que houbera algunha xente que dixera “imos alá”. Pero é un pouco difícil porque O Castro é das asociacións culturais máis grandes de Galicia, cuns 2.300 ou 2.500 socios.
Que ten O Castro para atraer tanta xente? Ou é que en Baión son moi inquedos?
Unha grande parte son de Baión pero temos socios en todos os concellos do Salnés e por toda Galicia. Por iso esa cantidade.
Se tivese que definir O Castro para quen non o coñeza, que diría?
O noso obxectivo sempre foi elevar o nivel cultural da xente, porque un pobo culto é un pobo libre. E despois, o aspecto social. A unidade de voluntariado e atención a persoas maiores e con discapacidade que temos é o programa máis importante.
E como se financian?
Precisamente un dos problemas que máis cansa é o tema económico. É un gasto enorme porque temos un microbús, un condutor, asistenta social...Temos un orzamento de 70.000 euros e diso os socios aportan uns 5.000, porque a cota é de 1 euro ó mes. Despois, por exemplo, o Concello dános 6.000 euros. Pero o básico hai que conseguilo nas administracións, que hai que tratar de que colaboren, facer moitas xestións, e ás veces non dan resultado.
Que lle aporta a vostede persoalmente estar na asociación?
Apórtame moito. Chegar á sede social e ver ós rapaces de Con Eles cantando, ver xente maior toda ilusionada... Falar cunha persoa de Meis que me dixo “o que perdín tantos anos desde que estades aquí e non enterarme antes disto. Que ben o estou pasando”. Iso provoca unha satisfacción grande e compensa un pouco a problemática do día a día.
Que consello lle daría a quen colla o seu relevo?
Que traia unha dose moi grande de ilusión e de ambición, porque é necesario.
Alicia, é vostede a próxima presidenta?
Non ho! Levo vencellada á asociación dende que naceu e é unha canle que tira constantemente. Estamos nunha directiva moi cohesionada, traballadora e o cansazo afecta, pero tratamos de non perder a ilusión.
De todas as actividades que fan, de cal está máis orgullosa?
O buque insignia é o voluntariado. Aínda que sempre comparo a asociación cun bó polbo da Ría: é moi grande, moi potente e abrangue seccións moi diferentes.
Cóntenos sobre o proxecto que teñen en colaboración coa área sanitaria para facer voluntariado con persoas hospitalizadas.
Está no punto de saída. Xa tivemos contactos co xerente da área sanitaria e terá dúas partes: acompañamento a nenos ou adultos en accións puntuais. E, despois, actividades cos medios dos que nós dispoñemos: contacontos, grupos de corda... E todo sempre baixo criterio das autoridades sanitarias.
Que pensa que leva á xente a querer facer voluntariado?
O que proba, repite. E a parte de que ti axudes ó outro, egoistamente faiche máis feliz a ti. Teñen que dar algo que é moi escaso, que é o tempo, pero séntense xenial. De feito, despois das paradas de vacacións hai voluntarios que din: “ui, non me dá chegado o día”.
A unha asociación que axuda a tanta xente, quen a axuda? Que necesitades?
Na nosa asociación ten cabida todo o mundo. Todos son importantes e non se lle pregunta a ninguén de que ideoloxía é. Necesitamos que as administracións de todos os ámbitos teñan en conta todas as achegas que a asociación fai de xeito social e axuden o que poidan. Agora mesmo estamos atendendo 32 persoas maiores, hai 14 con discapacidade... Estamos facendo algo importante por todos.